Arquivos da etiqueta: universidade de santiago de compostela

#MartesNegros #PorUnhaUSCDigna

Na asemblea extraordinaria celebrada esta semana decidíronse as primeiras formas de protesta. Unha delas é a confección dunha camisola para dar visibilidade ás nosas solicitudes e ao pasotismo por parte do Equipo de Goberno da USC. De xeito reivindicativo, propoñemos vestila os martes, #MartesNegros #PorUnhaUSCDigna.

Canto custa?

O prezo dunha camisola é o custo de fabricación, 5€. A asociación non gaña nada. Mais convidámoste a facer unha pequena doazón de 1€ para cubrir gastos de impresión de carteis e material que está tendo a asociación.

Como talla?

Podes comprobar que talla che corresponde clickando en “Calculate size” (esquina superior dereita) en https://www.roly.es/model_CA6502

Como solicitar unha camisola?

  1. Pagamento vía PayPal. Non fai falla ter conta en Paypal. Calquera persoa cunha tarxeta de débito ou crédito pode pagar. A cantidade recadada será pública así como os pagamentos. Non se amosará ningún dato persoal.
  2. Indicar a talla neste formulario.Debes indicarnos o teu nome, dirección de correo, campus e as tallas das camisolas mercadas para poder entregarchas.

Sobra dicir que non fai falla ser asociada para mercar unha camisola. Podedes mercar as que queirades e para quen queirades.

Exemplos

  • Quero 2 camisolas, como fago? Ingresa 10€ vía PayPal e indica no formulario que 2 tallas precisas.
  • Quero 3 camisolas e ademais quero colaborar cos gastos que está tendo a asociación, como fago? Ingresa 16€ (15€ de camisolas + 1€ de colaboración) vía Paypal e indica no formulario que 3 tallas precisas.

Prazo

Damos de prazo ata o domingo 17 ás 22.00h co fin de ir encargalas o luns a primeira hora. Cando estean listas recibirás un correo cos puntos de recollida.

Charla informativa: O que non che contaron das axudas predoutorais da Xunta de Galicia

Contáronche por que é un requisito estar matriculado no doutoramento?

Sabías que a USC non lle aplica a subida salarial que lle corresponde aos predoc da Xunta?

Contáronche por que agora hai dúas modalidades? Ou por que hai que adecuarse a unhas liñas estratéxicas europeas?

Sabías que a USC non lle paga indemnización ao rematar o contrato a ningún contratado predoc?

Seguramente na charla institucional non che responderon estas e outras preguntas porque tampouco o fixeron outros anos. Por iso, invitámoste a asistir á charla informativa sobre as axudas predoutorais que fará a Asemblea de Investigadoras de Compostela o próximo martes ás 12:30 na Aula 5 da Facultade de Matemáticas.

O persoal de investigación da USC iniciará mobilizacións e accións de protesta

Así o acordaron en asemblea en resposta á discriminación e desprezo que sofren por parte do Equipo de Goberno

Investigadoras nunha mobilización en 2017.

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) acordou por unanimidade na súa última asemblea -celebrada o 29 de xaneiro- iniciar mobilizacións e diferentes accións de protesta. Decisión que nos obrigou a adoptar o actual Equipo de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, que segue facendo oídos xordos ás reiteradas peticións realizadas para tratar de solucionar a situación de discriminación e inxustiza que sofre o colectivo.

O que pedimos é que se poña fin á discriminación á que se vén sometendo a unha parte do persoal de investigación desde 2016, cando se lle empezou a pagar por debaixo do salario mínimo que fixa a normativa, e a quen tamén se lle negan as subidas salariais -que si ten o resto de persoal da USC- e se lle deixou de aboar a indemnización por extinción de contrato. Só pedimos que tódalas persoas que teñen a mesma categoría profesional teñan garantidas as mesmas condicións laborais mínimas que xa recolle a normativa da USC.

Así, por exemplo, para unha investigadora FPU/FPI a diferenza entre o que percibe (1.173,00 €/mes) e o que figura na táboa de salarios mínimos actualizada (1.244,91 €/mes) supera xa os 1.000 euros anuais. Dándose ademais por primeira vez a circunstancia de que un axudante de apoio á investigación percibe xa un salario mínimo (1.193,97 €/mes) superior ao das propias investigadoras destas convocatorias. Algo inaudito.

Acabar con esta discriminación foi a petición que se lle trasladou ao Xerente, Javier Ferreira, e á Vicexerenta de Persoal, Pilar Martínez, nunha xuntanza mantida con eles o 7 de decembro, e que rematou coa solicitude do xerente de que lle remitísemos por escrito as nosas demandas -cousa que fixemos- e co seu compromiso de levalas e tratalas na mesa de negociación cos sindicatos.

Disto informamos tamén a todos os sindicatos presentes na citada mesa (CCOO, CIG, CSIF e UGT) en xuntanzas bilaterais mantidas posteriormente con todos eles, e nas que manifestaron estar de acordo coas nosas reivindicacións e coa necesidade de solucionalo.

Tras agardar a que o xerente tomase a iniciativa, foron os propios sindicatos os que se dirixiron a el -o 21 de decembro- para solicitar formalmente que convocase esa reunión, pero, e a pesar de reiterarlle a petición posteriormente, o xerente segue sen convocala.

Pola súa parte o Reitor, Antonio López, segue sen responder ás peticións que se lle fan desde a AIC para reunirnos con el, compromiso que adquiriu tanto durante a campaña electoral como no claustro do 29 de novembro tras unha intervención dun representante da AIC. E o Vicerreitor de Investigación e Innovación parece que nin está nin se lle espera.

Mentres, ante a inacción do Equipo de Goberno, as demandas contra a USC seguen aumentando. Polo que non entendemos como é posible que prefiran seguir malgastando diñeiro público en pagar honorarios de avogados, indemnizacións e custas xudiciais en vez de investilos en investigación. Sobre todo, cando solucionar esta situación depende única e exclusivamente do Equipo de Goberno. É algo realmente inexplicable.

Por iso consideramos necesario alzar a voz e facer pública esta situación de discriminación, desprezo e malgasto, para que toda a Comunidade Universitaria, e toda a sociedade, coñeza o que está pasando.

Versión en castellano