Na asemblea extraordinaria celebrada esta semana decidíronse as primeiras formas de protesta. Unha delas é a confección dunha camisola para dar visibilidade ás nosas solicitudes e ao pasotismo por parte do Equipo de Goberno da USC. De xeito reivindicativo, propoñemos vestila os martes, #MartesNegros #PorUnhaUSCDigna.
Canto custa?
O prezo dunha camisola é o custo de fabricación, 5€. A asociación non gaña nada. Mais convidámoste a facer unha pequena doazón de 1€ para cubrir gastos de impresión de carteis e material que está tendo a asociación.
Como talla?
Podes comprobar que talla che corresponde clickando en “Calculate size” (esquina superior dereita) en https://www.roly.es/model_CA6502
Como solicitar unha camisola?
Pagamento vía PayPal. Non fai falla ter conta en Paypal. Calquera persoa cunha tarxeta de débito ou crédito pode pagar. A cantidade recadada será pública así como os pagamentos. Non se amosará ningún dato persoal.
Indicar a talla neste formulario.Debes indicarnos o teu nome, dirección de correo, campus e as tallas das camisolas mercadas para poder entregarchas.
Sobra dicir que non fai falla ser asociada para mercar unha camisola. Podedes mercar as que queirades e para quen queirades.
Exemplos
Quero 2 camisolas, como fago? Ingresa 10€ vía PayPal e indica no formulario que 2 tallas precisas.
Quero 3 camisolas e ademais quero colaborar cos gastos que está tendo a asociación, como fago? Ingresa 16€ (15€ de camisolas + 1€ de colaboración) vía Paypal e indica no formulario que 3 tallas precisas.
Prazo
Damos de prazo ata o domingo 17 ás 22.00h co fin de ir encargalas o luns a primeira hora. Cando estean listas recibirás un correo cos puntos de recollida.
Contáronche por que é un requisito estar matriculado no
doutoramento?
Sabías que a USC non lle aplica a subida salarial que lle
corresponde aos predoc da Xunta?
Contáronche por que agora hai dúas modalidades? Ou por que hai que adecuarse a unhas liñas estratéxicas europeas?
Sabías que a USC non lle paga indemnización ao rematar o contrato a ningún contratado predoc?
Seguramente na charla institucional non che responderon estas e outras preguntas porque tampouco o fixeron outros anos. Por iso, invitámoste a asistir á charla informativa sobre as axudas predoutorais que fará a Asemblea de Investigadoras de Compostela o próximo martes ás 12:30 na Aula 5 da Facultade de Matemáticas.
Así o acordaron en asemblea en resposta á discriminación e desprezo que sofren por parte do Equipo de Goberno
A
Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) acordou por
unanimidade na súa última asemblea -celebrada o 29 de xaneiro-
iniciar mobilizacións e diferentes accións de protesta. Decisión
que nos obrigou a adoptar o actual Equipo de Goberno da Universidade
de Santiago de Compostela, que segue facendo oídos xordos ás
reiteradas peticións realizadas para tratar de solucionar a
situación de discriminación e inxustiza que sofre o colectivo.
O
que pedimos é que se poña fin á discriminación á que se vén
sometendo a unha parte do persoal de investigación desde 2016, cando
se lle empezou a pagar por debaixo do salario mínimo que fixa a
normativa, e a quen tamén se lle negan as subidas salariais -que si
ten o resto de persoal da USC- e se lle deixou de aboar a
indemnización por extinción de contrato. Só pedimos que tódalas
persoas que teñen a mesma categoría profesional teñan garantidas
as mesmas condicións laborais mínimas que xa recolle a normativa da
USC.
Así,
por exemplo, para unha investigadora FPU/FPI a diferenza entre o que
percibe (1.173,00 €/mes) e o que figura na táboa de salarios
mínimos actualizada (1.244,91 €/mes) supera xa os 1.000 euros
anuais. Dándose ademais por primeira vez a circunstancia de que un
axudante de apoio á investigación percibe xa un salario mínimo
(1.193,97 €/mes) superior ao das propias investigadoras destas
convocatorias. Algo inaudito.
Acabar con esta discriminación foi a petición que se lle trasladou
ao Xerente, Javier Ferreira, e á Vicexerenta de Persoal, Pilar
Martínez, nunha xuntanza mantida con eles o 7 de decembro, e que
rematou coa solicitude do xerente de que lle remitísemos por escrito
as nosas demandas -cousa que fixemos- e co seu compromiso de levalas
e tratalas na mesa de negociación cos sindicatos.
Disto
informamos tamén a todos os sindicatos presentes na citada mesa
(CCOO, CIG, CSIF e UGT) en xuntanzas bilaterais mantidas
posteriormente con todos eles, e nas que manifestaron estar de acordo
coas nosas reivindicacións e coa necesidade de solucionalo.
Tras
agardar a que o xerente tomase a iniciativa, foron os propios
sindicatos os que se dirixiron a el -o 21 de decembro- para solicitar
formalmente que convocase esa reunión, pero, e a pesar de
reiterarlle a petición posteriormente, o xerente segue sen
convocala.
Pola
súa parte o Reitor, Antonio López, segue sen responder ás
peticións que se lle fan desde a AIC para reunirnos con el,
compromiso que adquiriu tanto durante a campaña electoral como no
claustro do 29 de novembro tras unha intervención dun representante
da AIC. E o Vicerreitor de Investigación e Innovación parece que
nin está nin se lle espera.
Mentres,
ante a inacción do Equipo de Goberno, as demandas contra a USC
seguen aumentando. Polo que non entendemos como é posible que
prefiran seguir malgastando diñeiro público en pagar honorarios de
avogados, indemnizacións e custas xudiciais en vez de investilos en
investigación. Sobre todo, cando solucionar esta situación depende
única e exclusivamente do Equipo de Goberno. É algo realmente
inexplicable.
Por iso consideramos necesario alzar a voz e facer pública esta situación de discriminación, desprezo e malgasto, para que toda a Comunidade Universitaria, e toda a sociedade, coñeza o que está pasando.
Os compromisos adquiridos polo novo reitor parecen caer no esquecemento
A ‘Asemblea de Investigadoras de Compostela’ (AIC), da que forman parte diferentes colectivos do persoal de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (investigador, técnico e de xestión), acordou na súa última asemblea, celebrada o pasado 29 de outubro, facer pública a súa preocupación pola falta de resposta por parte do novo equipo de goberno da USC para dar solución á súa precaria situación.
Tras reunirnos durante a campaña electoral co entón candidato, Antonio López, este comprometeuse a manter encontros regulares coa AIC, en caso de ser elixido Reitor, para buscar solucións aos problemas que lle trasladabamos, chegando mesmo a incorporar algunhas das nosas demandas á súa campaña e a comprometerse publicamente a solucionar urxentemente a nosa situación.
Xa como Reitor, Antonio López, no seu discurso no acto de apertura do curso 2018/2019 dixo que “consideramos da máxima relevancia e urxencia avanzar na regulación e mellora das condicións laborais do importantísimo número de traballadores contratados con cargo ao capítulo VI para atender necesidades de investigación (arredor de 1000 persoas)”. Nesa mesma liña, o novo Xerente, Javier Ferreira, recoñecía nunha entrevista publicada o 29 de xullo en La Voz de Galicia “ter 900 persoas contratadas con cargo a proxectos de forma precaria”.
Consecuentes cos compromisos adquiridos e as posteriores declaracións realizadas, solicitamos no mes de setembro reunirnos co novo Reitor, sendo convidados pola Reitoría a que nos reunísemos, no seu lugar, co Vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez. Nese encontro, celebrado o pasado 5 de outubro, lembráronselle as necesidades máis urxentes relativas a condicións laborais, demandas que o Vicerreitor se comprometeu a estudar en profundidade e a buscarlles unha pronta solución, a cal nos sería transmitida no prazo dunha semana. Ante a falta de resposta, e tras reiterar a petición, só obtivemos silencio.
Desde a AIC queremos manifestar o noso malestar por esta falta de resposta e a nosa preocupación ante unha situación que consideramos insostible. Descoñecemos se o novo equipo de goberno non sabe, ou simplemente non quere, solucionar os problemas existentes.
Vemos con preocupación a situación na que se atopa a investigación na USC debido ás condicións de inestabilidade e precariedade na que centos de persoas teñen que traballar diariamente.
Vemos con preocupación a xestión que se fai dos recursos económicos dedicados a investigación na USC, a desigual distribución dos mesmos e as inxustizas que isto provoca. É un dato contrastable que a USC inviste máis diñeiro en pagar indemnizacións e costas xudiciais por demandas laborais de contratos irregulares e en fraude de lei, do que inviste en sufragar algúns proxectos de investigación.
Vemos con gran preocupación como a USC non respecta a Carta Europea do Persoal Investigador, o Código de Conduta para a Contratación do Persoal Investigador e outros compromisos de obrigado cumprimento para seguir mantendo o selo HR de Excelencia en Investigación, arriscándose a perdelo e, con iso, a ver reducidas as opcións de captación de talento investigador e de fondos europeos para o seu financiamento.
Por este motivo, desde a AIC queremos facer un chamamento público aos sectores implicados da Comunidade Universitaria: ás persoas que están en precario, con ou sen contrato, a unirse e reclamar melloras urxentes nos procesos de contratación e nas súas condicións de traballo; aos e ás Investigadoras Principais (IPs) de proxectos e grupos de investigación, a corresponsabilizarse e reclamar respecto e dignidade para as persoas que traballan ao seu cargo; e por último, ao equipo de goberno, a deixar de mirar para outro lado, a dialogar e a buscar unha solución definitiva coa que erradicar a precariedade da nosa Universidade.
Desde a AIC queremos amosar unha vez máis o noso firme compromiso coa defensa das persoas ás que representamos e coa importancia que damos á investigación en todas as áreas de coñecemento nas que desenvolven o seu labor. Cremos que unha investigación de calidade, que sexa útil para a sociedade, só se pode lograr cando se leva a cabo nunha contorna e cunhas condicións adecuadas. É obrigación da USC velar, con urxencia, polo benestar e seguridade de todas as persoas que forman parte da institución.
Ola! A páxina web da Asociación Asemblea de Investigadoras de Compostela emprega cookies só para fins estatísticos das visitas que recibimos así como para manexar a sesión de usuario.De acordoRexeitar cookies de terceiros