Arquivos da etiqueta: usc

O persoal de investigación da USC iniciará mobilizacións e accións de protesta

Así o acordaron en asemblea en resposta á discriminación e desprezo que sofren por parte do Equipo de Goberno

Investigadoras nunha mobilización en 2017.

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) acordou por unanimidade na súa última asemblea -celebrada o 29 de xaneiro- iniciar mobilizacións e diferentes accións de protesta. Decisión que nos obrigou a adoptar o actual Equipo de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, que segue facendo oídos xordos ás reiteradas peticións realizadas para tratar de solucionar a situación de discriminación e inxustiza que sofre o colectivo.

O que pedimos é que se poña fin á discriminación á que se vén sometendo a unha parte do persoal de investigación desde 2016, cando se lle empezou a pagar por debaixo do salario mínimo que fixa a normativa, e a quen tamén se lle negan as subidas salariais -que si ten o resto de persoal da USC- e se lle deixou de aboar a indemnización por extinción de contrato. Só pedimos que tódalas persoas que teñen a mesma categoría profesional teñan garantidas as mesmas condicións laborais mínimas que xa recolle a normativa da USC.

Así, por exemplo, para unha investigadora FPU/FPI a diferenza entre o que percibe (1.173,00 €/mes) e o que figura na táboa de salarios mínimos actualizada (1.244,91 €/mes) supera xa os 1.000 euros anuais. Dándose ademais por primeira vez a circunstancia de que un axudante de apoio á investigación percibe xa un salario mínimo (1.193,97 €/mes) superior ao das propias investigadoras destas convocatorias. Algo inaudito.

Acabar con esta discriminación foi a petición que se lle trasladou ao Xerente, Javier Ferreira, e á Vicexerenta de Persoal, Pilar Martínez, nunha xuntanza mantida con eles o 7 de decembro, e que rematou coa solicitude do xerente de que lle remitísemos por escrito as nosas demandas -cousa que fixemos- e co seu compromiso de levalas e tratalas na mesa de negociación cos sindicatos.

Disto informamos tamén a todos os sindicatos presentes na citada mesa (CCOO, CIG, CSIF e UGT) en xuntanzas bilaterais mantidas posteriormente con todos eles, e nas que manifestaron estar de acordo coas nosas reivindicacións e coa necesidade de solucionalo.

Tras agardar a que o xerente tomase a iniciativa, foron os propios sindicatos os que se dirixiron a el -o 21 de decembro- para solicitar formalmente que convocase esa reunión, pero, e a pesar de reiterarlle a petición posteriormente, o xerente segue sen convocala.

Pola súa parte o Reitor, Antonio López, segue sen responder ás peticións que se lle fan desde a AIC para reunirnos con el, compromiso que adquiriu tanto durante a campaña electoral como no claustro do 29 de novembro tras unha intervención dun representante da AIC. E o Vicerreitor de Investigación e Innovación parece que nin está nin se lle espera.

Mentres, ante a inacción do Equipo de Goberno, as demandas contra a USC seguen aumentando. Polo que non entendemos como é posible que prefiran seguir malgastando diñeiro público en pagar honorarios de avogados, indemnizacións e custas xudiciais en vez de investilos en investigación. Sobre todo, cando solucionar esta situación depende única e exclusivamente do Equipo de Goberno. É algo realmente inexplicable.

Por iso consideramos necesario alzar a voz e facer pública esta situación de discriminación, desprezo e malgasto, para que toda a Comunidade Universitaria, e toda a sociedade, coñeza o que está pasando.

Versión en castellano

O persoal de investigación da USC amósase preocupado pola súa situación e polo futuro da institución

Os compromisos adquiridos polo novo reitor parecen caer no esquecemento

Science the real superhero!
(CC) By Molly Adams

A ‘Asemblea de Investigadoras de Compostela’ (AIC), da que forman parte diferentes colectivos do persoal de investigación da  Universidade de Santiago de Compostela (investigador, técnico e de xestión), acordou na súa última asemblea, celebrada o pasado 29 de outubro, facer pública a súa preocupación pola falta de resposta por parte do novo equipo de goberno da USC para dar solución á súa precaria situación.

Tras reunirnos durante a campaña electoral co entón candidato, Antonio López, este comprometeuse a manter encontros regulares coa AIC, en caso de ser elixido Reitor, para buscar solucións aos problemas que lle trasladabamos, chegando mesmo a incorporar algunhas das nosas demandas á súa campaña e a comprometerse publicamente a solucionar urxentemente a nosa situación.

Xa como Reitor, Antonio López, no seu discurso no acto de apertura do curso 2018/2019 dixo que “consideramos da máxima relevancia e urxencia avanzar na regulación e mellora das condicións laborais do importantísimo número de traballadores contratados con cargo ao capítulo VI para atender necesidades de investigación (arredor de 1000 persoas)”. Nesa mesma liña, o novo Xerente, Javier  Ferreira, recoñecía nunha entrevista publicada o 29 de xullo en La Voz de Galicia “ter 900 persoas contratadas con cargo a proxectos de forma precaria”.

Consecuentes cos compromisos adquiridos e as posteriores declaracións realizadas, solicitamos no mes de setembro reunirnos co novo  Reitor, sendo convidados pola Reitoría a que nos reunísemos, no seu lugar, co Vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez. Nese encontro, celebrado o pasado 5 de outubro, lembráronselle as necesidades máis urxentes relativas a condicións laborais, demandas que o Vicerreitor se comprometeu a estudar en profundidade e a buscarlles unha pronta solución, a cal nos sería transmitida no prazo dunha semana. Ante a falta de resposta, e tras reiterar a petición, só obtivemos silencio.

Desde a AIC queremos manifestar o noso malestar por esta falta de resposta e a nosa preocupación ante unha situación que consideramos insostible. Descoñecemos se o novo equipo de goberno non sabe, ou simplemente non quere, solucionar os problemas existentes.

Vemos con preocupación a situación na que se atopa a investigación na USC debido ás condicións de inestabilidade e precariedade na que centos de persoas teñen que traballar diariamente.

Vemos con preocupación a xestión que se fai dos recursos económicos dedicados a investigación na USC, a desigual distribución dos mesmos e as inxustizas que isto provoca. É un dato contrastable que a USC inviste máis diñeiro en pagar indemnizacións e costas xudiciais por demandas laborais de contratos irregulares e en fraude de lei, do que inviste en sufragar algúns proxectos de investigación.

Vemos con gran preocupación como a USC non respecta a Carta Europea do Persoal Investigador, o Código de Conduta para a Contratación do Persoal Investigador e outros compromisos de obrigado cumprimento para seguir mantendo o selo HR de Excelencia en Investigación, arriscándose a perdelo e, con iso, a ver reducidas as opcións de captación de talento investigador e de fondos europeos para o seu financiamento.

Por este motivo, desde a AIC queremos facer un chamamento público aos sectores implicados da Comunidade Universitaria: ás persoas que están en precario, con ou sen contrato, a unirse e reclamar melloras urxentes nos procesos de contratación e nas súas condicións de traballo; aos e ás Investigadoras Principais (IPs) de proxectos e grupos de investigación, a corresponsabilizarse e reclamar respecto e dignidade para as persoas que traballan ao seu cargo; e por último, ao equipo de goberno, a deixar de mirar para outro lado, a dialogar e a buscar unha solución definitiva coa que erradicar a precariedade da nosa Universidade.

Desde a AIC queremos amosar unha vez máis o noso firme compromiso coa defensa das persoas ás que representamos e coa importancia que damos á investigación en todas as áreas de coñecemento nas que desenvolven o seu labor. Cremos que unha investigación de calidade, que sexa útil para a sociedade, só se pode lograr cando se leva a cabo nunha contorna e cunhas condicións adecuadas. É obrigación da USC velar, con urxencia, polo benestar e seguridade de todas as persoas que forman parte da institución.