En menos de 2 anos as tres universidades deberán implementar un modelo de docencia telemático
Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) queremos manifestar o noso absoluto repudio ao borrador presentado pola Xunta de Galicia para a implantación dun modelo de docencia mixta (presencial-telemática) de carácter opcional no curso 2020-2021 e obrigatorio no curso 2021-2022. O devandito borrador está dispoñible neste enderezo web.
De xeito conciso, mais contundente e explícito: a proposta da Xunta constitúe un ataque sen precedentes ao Sistema Universitario Galego. Un despropósito que, ademais de poñer en risco a calidade das titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG) e os principios básicos de igualdade, constitúe un insulto ao esforzo extraordinario acometido polo profesorado e o estudantado durante este curso académico.
Do que foi excepción, a Xunta de Galicia quere facer unha regra xeral, asumindo como normalidade o que, dende logo, dista moito de selo. Sorprende que, dentro da gran cantidade de páxinas do borrador, exista unha única mención sucinta ao tremendo investimento que suporía migrar un sistema eminentemente presencial a mixto nun período dun ano. Esta mención faise sen achegar nin unha mínima estimación do custo económico que implicaría poder enfrontar o cambio de modalidade con garantías para profesorado e alumnado, e que requiriría da mellora e garantía do acceso á rede, da compra de material informático, de bolsas que asegurasen o acceso á formación en condicións de igualdade… Sorprende tamén a ausencia de mención a todas as problemáticas coas que este curso foi levado a cabo: manifesta e xustificada oposición de colectivos estudantís, coñecidas dificultades de medios informáticos de docentes e alumnado… Se este curso — que distou moito de ser ideal — foi para adiante debeuse, sen dúbida, ao esforzo de todas as persoas implicadas.
En datos concretos, a Xunta obvia que un de cada tres fogares de Galicia non dispón dunha conexión de Internet de banda ancha [1]. É dicir, o goberno galego pretende que a segunda comunidade autónoma con peor acceso de banda ancha sexa a primeira en introducir un modelo semipresencial no que o acceso á rede é indispensable para seguir a docencia. Isto suporía engadir unha dificultade máis á xa precaria situación, no que a medios materiais se refire, da meirande parte do estudantado galego, mesmo excluíndo a certos sectores da comunidade universitaria. Cómpre así mesmo cuestionar a necesidade deste cambio de modalidade, máis aínda cando constituiría unha total imposición que vai en detrimento da autonomía universitaria. A potestade para establecer e cambiar os mecanismos docentes debe, en todo caso, recaer nas universidades, e non nos axentes gubernamentais externos. Finalmente, consideramos que unha transformación de tal calado sería imposible de executar nos tempos marcados. O documento non deixa de ser un resumo de ideas pouco elaboradas e de dubidosa calidade, mais cun calendario que xa está correndo.
Correspóndelle ás institucións ser quen de asegurar un ensino de calidade que sexa accesible para toda a cidadanía e que cumpra, agora máis que nunca, con todas as garantías sanitarias. Porén, a proposta da Xunta supón un ataque sen precedentes ao principio de equidade educativa, pois profundaría nas desigualdades económicas e tecnolóxicas xa existentes e aumentaría a fenda social que percorre a nosa sociedade.
Isto constitúe un novo agravio ao sistema público de ensino universitario galego, que se suma ás iniciativas recentes de creación da primeira universidade privada na comunidade. O propio borrador da Xunta indica que será a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA, fundación privada na que ademais das universidades están empresas como BBVA, Endesa, Naturgy ou Afundación de ABANCA) a coordinadora do proceso cun servizo dunha consultoría externa. Dende a AIC entendemos isto como outro ataque ao modelo público de universidade e á súa autonomía, máis aínda cando as universidades galegas están a negociar coa Xunta o novo Plan de Financiamento do SUG.
Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela cremos fundamental que ante a reforma abusiva, inxusta e irreflexiva formulada pola Xunta de Galicia, os distintos colectivos que defendemos un modelo público de universidade respondamos de maneira unitaria e contundente para defendermos a calidade e humanidade da docencia levada a cabo nos centros universitarios públicos de Galicia.
Por todo isto, esiximos a retirada do borrador de desmantelamento das universidades públicas galegas presentado pola Xunta, e instamos ás universidades galegas, así coma aos axentes políticos, sindicais e sociais, a que sumen a súa voz á nosa e manifesten o seu rexeitamento explícito a esta iniciativa.
[1] Encuesta de Hábitos y Prácticas Culturales 2018-2019, Ministerio de Educación y Formación Profesional / Ministerio de Cultura y Deporte – Gobierno de España.