O alto tribunal reúnese o martes 13 de outubro para resolver o recurso da USC contra a sentenza do TSXG que deu a razón ao colectivo investigador predoutoral
Hai xa ano e medio dende que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Universidade de Santiago de Compostela (USC) a pagar ao persoal predoutoral as indemnizacións por extinción de contrato que deixou de aboar a partir do ano 2016.
A USC presentou recurso de casación de dita sentenza ante o Tribunal Supremo (TS), e será o vindeiro martes 13 cando este tribunal se reúna para tomar unha decisión. Esta xa non se trata dunha reclamación de índole galega ou compostelá, senón estatal, pois a decisión do alto tribunal guiará o futuro doutras demandas e reclamacións pendentes ao longo do Estado.
A sentenza do TSXG foi recorrida “por unha cuestión de seguridade xurídica”, en palabras do xerente, palabras que non compartimos pois no seu fallo o TSXG é claro equiparando o contrato predoutoral ao contrato temporal, afirmando que en ningún caso se trata dun contrato en formación: “contrato [o formativo do artigo 11 do Estatuto de Traballadores] que en modo algún pode equipararse ao subscrito polos traballadores afectados polo conflito aínda cando se denomina predoutoral en formación”. Esta é, por tanto, unha das moitas escusas que o Equipo de Goberno da USC vén empregando para negarlle aos seus traballadores e traballadoras este e outros dereitos fundamentais.
A indemnización por fin de contrato foi unha das primeiras peticións que dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) lle fixemos tanto ao reitor da USC, Antonio López, como ao Vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, e ao xerente, Javier Ferreira. Pero nunca ningún deles, nin tampouco o resto do Equipo de Goberno da USC, amosou o máis mínimo interese por solucionar o problema, obrigando a centos de investigadoras a acudir aos xulgados ao remataren os seus contratos. Isto acrecenta a conflitividade xudicial que xa lle custa á USC máis de 1 millón de euros de recursos estruturais.
A reclamación da indemnización por extinción de contrato como un dereito básico do persoal investigador é unha das reivindicacións que nos levou a iniciar a campaña dos #MartesNegros #PorUnhaUSCDigna e que hoxe suma xa 85 martes vestindo as máis de 400 camisolas feitas. Nesta liña vindicativa, cómpre destacar a campaña #SinDerechosTampocoHayCiencia que está a levar a cabo a Coordinadora Marea Roja de la Investigación, agrupación de máis de 15 asociacións, colectivos e sindicatos de todo o Estado, na cal se visibilizan este e outros problemas de precariedade laboral cos que o persoal investigador temos que convivir.
Agardamos que unha vez máis os tribunais nos dean a razón. Mentres os problemas non se solucionen, seguiremos loitando #PorUnhaUSCDigna porque #SenDereitosTampoucoHaiInvestigación.