É unha opinión xeneralizada que a investigación xoga un papel indispensable como impulsora do progreso das condicións e calidade de vida das persoas. Desde o desenvolvemento de novos tratamentos para doenzas, pasando pola investigación social e humanística; capaz de repensar a nosa realidade e propoñer melloras para o futuro, ata os avances técnicos que facilitan o noso día a día.
De cara a falar da investigación, é fundamental advertir que a actividade de investigar é indisociable do suxeito que a realiza (as investigadoras) e do obxecto (o que se investiga).
Desde a AIC entendemos que, en atención ao rol esencial da investigación para o ben común, esta non pode estar nas mans duns poucos, senón que cómpre democratizala. En consecuencia, debemos democratizar o “quen” investiga, combatendo especialmente as discriminacións por razón de xénero, e o “que” se investiga. Finalmente, para que a democracia sexa efectiva; é dicir, non se quede no formal e transcenda ao material, cómpre tamén democratizar o “como” gobernamos a investigación.
Con todo, a representación institucional é apenas unha parte do proceso democrático. A plena democratización da vida universitaria, no referido ás investigadoras e a todos os sectores que conformamos esta comunidade, só pode vir da man dos procesos de participación. É por iso que a nosa loita se estende máis aló do plano institucional. En cada mobilización, en cada vez que nos axudamos entre todas para mellorar as nosas condicións de vida, en cada batalla contra a precariedade e en cada sentenza xudicial na que recuperamos un dereito secuestrado, construímos a verdadeira democracia.
Por todo o anterior, debemos traballar todas xuntas #PorUnhaInvestigaciónDemocrática!