Quen investiga?

Do mesmo xeito que a investigación actúa como alicerce da mellora das condicións vitais da sociedade, tamén se fundamenta e articula sobre contextos sociais e materiais ben determinados. Non hai avances sen medios de traballo axeitados (despachos, laboratorios, fondos bibliográficos ou ordenadores) nin, sobre todo e ante todo, traballadoras; é dicir, persoas con contratos dignos que poidan concentrarse no indispensable labor de investigar.

Polo anterior, cómpre garantir as condicións materiais para que poida desenvolverse a investigación. Falamos de garantir o traballo de investigación. Que o desenvolvemento dunha vacina non se interrompa porque o contrato temporal da investigadora que traballa no proxecto remate e non poida concorrer a ningún outro ata o ano seguinte. Falamos de defender unha carreira investigadora digna, planificada e estable.

Unha das grandes problemáticas da carreira investigadora é a precariedade das condicións e dereitos laborais no seu inicio. Na maior parte das situacións, obter financiamento dende o comezo da actividade investigadora resulta practicamente utópico. Por poñer un exemplo, os contratos predoutorais cofinanciados pola Xunta de Galicia, cuxas convocatorias carecen dun calendario fixo, esixen que se estea previamente matriculado nalgún dos programas de doutoramento do Sistema Universitario Galego. Este feito obriga á maior parte das persoas que comezan unha carreira investigadora en Galicia a saltar ao baleiro sen ningún tipo de garantía de financiamento futuro para continuaren co traballo realizado no seu primeiro ano de doutoramento; no que, probablemente, estiveran traballando de balde. Isto último débese a que, malia que existen outras convocatorias públicas, como as axudas para a Formación do Profesorado Universitario (FPU) ou as antigamente chamadas axudas para a Formación do Persoal Investigador (FPI), para optar a financiamento; a oferta non é suficiente para cubrir a demanda. A isto súmase a ausencia total e absoluta de convocatorias propias da USC ao longo dos pasados cursos académicos.

Así, no curso académico 2020/2021, o 78’3% das investigadoras predoutorais da USC non dispoñen de finianciamento para a realización do seu labor de investigación. A maioría de investigadoras, tanto predoutorais como posdoutorais, levan a cabo a súa actividade encadeando contratos temporais precarios con períodos de actividade non remunerada, ou con traballos noutros sectores, para poder custear a súa investigación.

É por todo isto que desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela apostamos por democratizar o acceso á investigación esixindo: 

  1. A remuneración de todo traballo de investigación.
  2. A eliminación do requisito de traballar un ano de balde para acceder á convocatoria das Axudas Predoutorais da Xunta de Galicia. 
  3. Contratos predoutorais propios da USC que cubran o déficit neste tipo de contratos de investigación.