Con motivo da celebración do Día da Muller o próximo 8 de Marzo celebramos estas semanas un ciclo de conferencias moi interesantes que non vos podedes perder:
Comezamos o vindeiro luns, 6 de marzo, ás 19:30, con María Pilar Jiménez Aleixandre, que nos dará a conferencia “Crebando os grillóns conceptuais do patriarcado en bioloxía”.
Marilar é escritora, tradutora, bióloga e docente da USC na Area de Didáctica das Ciencias Experimentais. Ademais, é a gañadora de múltiples premios, tanto pola sua labor literaria como pola sua investigación, como son o Premio Nacional de Narrativa 2022 ou o “Distinguished Contribution to Research”, concedido pola National Association for Research in Science Teaching (NARST), na área de didáctica das ciencias.
A conferencia terá lugar na Aula 8 da Facultade de Xeografia e Historia.
Por outra banda, o vindeiro venres 10 de marzo, ás 19:00, Marta Cimadevila falaranos sobre como é a vida da investigadora posdoutoral no estranxeiro.
Marta é investigadora posdoutoral no Institut de Génomique Fontionnelle de Montpellier, Francia, e foi investigadora predoutoral na USC ata maio de 2020, cando obtivo o seu título de doutora. A súa investigación céntrase na busca de novas menciñas para o tratamento de enfermidades mentais.
Neste caso, a conferencia será retransmitida por Teams. Podedes acceder á cita premendo aquí.
E, para finalizar, o próximo mércores 15 de Marzo, a partir das 19.30, pecharemos este ciclo de relatorios cunha mesa redonda donde Eva Aguayo, María José Rodríguez e Olalla López debaterán acerca das barreiras derrubadas e as que quedan por derrubar para acadar a igualdade na Academia.
Eva é profesora contratada doutora na Área de Economía Cuantitativa e ex-directora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC. Durante o seu período á fonte da OIX elaboráronse o segundo e terceiro Plan de Igualdade e o Protocolo Fronte ao Acoso Sexual e por Razón de Sexo, Orientación Sexual e Identidade de Xénero, o cal busca crear un marco normativo para detectar e combater as situacións de acoso.
Pola sua banda, Olalla é bióloga e doutora en Antropoloxía Física pola Universidade de Granada. Actualmente desfruta dun contrato Ramón e Cajal na Área de Arqueoloxía da USC. A súa investigación actual céntrase no impacto que poden ter a sociedade, a cultura e o ambiente no estilo de vida das persoas, focalizando sobre todo no período Medieval.
Finalmente, María José é profesora emérita da Área de Historia e Institucións Económicas da USC. Vicerreitora dende o 1984 ata o 1986, directora do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia entre 1986 e 1991, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega entre 1989 e 1991 ou cofundadora do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC son só alguns dos postos que ocupou durante a súa dilatada carreira.
A mesa redonda celebrarase no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Agardámosvos a todas. Non podedes faltar!