As investigadoras predoutorais e posdoutorais levan meses esperando polos seus contratos

Cambios na plantilla da Xunta e deficiencias de persoal provocan un retraso de meses en todas as convocatorias e resolucións para a contratación do persoal investigador

Cada ano, a Secretaría Xeral de Universidades (SXU) convoca as chamadas axudas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral. Estas axudas adoitan convocarse en xaneiro de maneira que, se se cumpren os prazos previstos, as investigadoras comecen o seu contrato a inicios do curso académico seguinte. Integrantes de InvestiGal e da Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) reuníronse, en diferentes quendas, o pasado xullo coa SXU e esta confirmoulles que este ano o calendario sería o mesmo. Con todo, a día de hoxe estas axudas seguen sen convocarse e numerosas investigadoras predoutorais e posdoutorais seguen esperando, sen saber cando poderán finalmente presentarse a estas convocatorias competitivas nin cales serán os requisitos para a mesma.

En novas reunións que mantiveron a AIC e Investigal coa SXU hai unhas semanas, a SXU prometeu convocar as axudas de 2023 o antes posible. Non obstante, debido a este atraso, as persoas non van poder firmar o seu contrato ata decembro, varios meses despois do comezo do curso académico. Esta demora dá lugar a incerteza nas investigadoras, sen coñecer cando van poder saber finalmente se van ter ou non un contrato para poder levar a cabo as súas investigacións.

Do mesmo xeito, dezasete investigadoras predoutorais levaban dende novembro esperando para poder firmar o seu contrato predoutoral. Estas persoas estaban na lista de agarda da convocatoria de axudas predoutorais de 2022 mais na resolución provisional de novembro coñeceron que, por renuncias doutras persoas, pasaban a ser beneficiarias dun destes contratos. Ademais, nesta resolución establecíase que estes contratos comezarían o 1 de decembro. Hai uns días souberon que finalmente, 4 meses despois do previsto, ían firmar o contrato predoutoral que lles pertence. Isto provocou numerosos prexuízos a nivel persoal xa que foron varias as persoas que, contando con fimar este novo contrato inminentemente, deixaron o seu traballo anterior.

A través de numerosos contactos coa SXU sóubose que a razón de todos estes atrasos é unha reestruturación do servizo debido a xubilacións e cambios de destino. Isto, unido a unha cantidade de persoal no servizo insuficiente e unha total falla de planificación, provocou que non se convocasen aínda as axudas de 2023 nin se resolvesen definitivamente as axudas de 2022.

A promesa da SXU de convocar estas axudas de forma inminente non parece realista cando as convocatorias aínda non están en proceso de redacción e van ser sometidas a importantes cambios, tal e como se confirmou por diversas vías. Segundo un correo que chegou aos membros dun centro de investigación, a convocatoria de axudas predoutorais vai mudar substancialmente con respecto á do ano pasado. O principal cambio será que só poderán pedir esta axuda as persoas que estean matriculadas nun programa de doutoramento no momento da solicitude. Esta era a condición presente nas convocatorias anteriores que se conseguira retirar o ano pasado tras moito tempo de loita por parte da AIC e InvestiGal. Regresar a esta condición conleva que só aquelas persoas que xa levan un ano de doutoramento poidan ser beneficiarias, obrigando a todas as investigadoras predoutorais a estar un ano no doutoramento sen un contrato deste tipo e traballando de forma gratuíta. Este requisito aplicado pola Xunta de Galicia ás convocatorias predoutorais non é común a outras convocatorias existentes a nivel nacional. Máis ben todo o contrario, pois tanto nas principais convocatorias estatais como autonómicas a solicitude de preadmisión nun programa de doutoramento é considerada válida de cara a solicitar as axudas. Ademais da aberración que supón traballar un ano de forma gratuíta para poder acceder a ditas axudas, isto impide o acceso ao doutoramento a aquelas persoas cunha situación económica máis vulnerable, pois hai moita xente que non se pode permitir estar un ano traballando sen ningún tipo de remuneración económica.

Os colectivos de investigación levan anos reclamando a necesidade de establecer un calendario de convocatorias estable e a consideración dos mesmos requisitos ao longo dos anos para que as investigadoras poidamos planificar o noso futuro. Tal e como evidencia esta situación, a falla de planificación por parte das institucións causa numerosos prexuízos nas investigadoras. A demora na convocatoria destas axudas é inadmisible polo que dende InvestiGal e a AIC reinvindicamos que estas axudas se convoquen o antes posible e que non se retiren aqueles dereitos que foran conquistando nos últimos anos.