Hoxe van dous anos dende aquel xoves no que nos concentramos diante do Reitorado da nosa universidade na primeira semana dos Martes Negros baixo o lema #PorUnhaUSCDigna para reivindicar os nosos dereitos como traballadoras da Universidade de Santiago de Compostela.
Xuntámonos moitas persoas de colectivos diversos, con vinculación contractual coa Universidade e sen ela, todas e todos co sentimento de merecer traballar e estudar nunha universidade máis xusta, máis transparente, máis igualitaria e máis responsable.
Reunímonos alí reivindicando que a investigación é un traballo, que toda persoa traballadora debería ter un contrato laboral digno e demandando máis contratos para investigar.
En 2016, a USC empezara a pagar ao colectivo investigador predoutoral por debaixo do mínimo que fixa a súa propia normativa, negándolle tamén as subas salariais e deixando de aboar a indemnización por extinción de contrato.
Xuntas denunciamos a situación de precariedade vivida na USC, en particular, a discriminación laborar sufrida polo persoal contratado mediante convocatorias públicas con cargo a actividades de I+D+i e denunciamos a inacción e a falta de vontade do Equipo de Goberno para acabar con esta situación de vulneración dos dereitos laborais de parte do colectivo investigador.
E xuntas esiximos a aplicación dos salarios mínimos que fixa a normativa, a aplicación das subas salariais a todas as traballadoras por igual e a garantía do dereito á indemnización por extinción de contrato; igual que todas as demais persoas cun contrato temporal.
A pesar dos reveses recibidos estes anos, como a sentenza do Tribunal Supremo que nos denegou o dereito á indemnización por extinción de contrato, tamén acadamos vitorias; como o dobre selo PFID-EDIUS, a posibilidade de simultanear estudos de doutoramento con outras titulacións, ou a flexibilidade nos prazos para realizar as estadías da Xunta de Galicia en tempos de pandemia.
Despois destes dous anos, somos cada vez máis persoas unidas pola firme crenza de que unha universidade digna é posible. Xuntas loitamos por unha universidade máis xusta e por unha carreira investigadora verdadeiramente democrática.