Recentemente as investigadoras vimos de lograr dúas importantes vitorias para o desenvolvemento dos primeiros chanzos da carreira investigadora. Dunha banda, acordáronse melloras de calado na convocatoria dos contratos predoutorais e posdoutorais financiados pola Xunta de Galicia. Doutra banda, a Universidade de Santiago de Compostela lanzou este curso a súa primeira convocatoria propia de contratos predoutorais. Neste caso, máis dunha vintena de contratos serán asignados en base ao mérito e capacidade das persoas candidatas e á necesidade de docentes por parte das distintas áreas de coñecemento. A importancia destas novas transcende á satisfacción inmediata das pequenas conquistas logradas. Ambas son un chanzo máis no camiño cara unha Investigación Democrática, obxectivo que aínda hoxe dista moito de ser unha realidade por dúas cuestións fundamentais.
- En primeiro lugar, o proceso científico en calquera disciplina do saber é, ante todo, un proceso de traballo. Nel, o coñecemento preexistente é transformado a través do traballo intelectual, nun novo coñecemento. É o traballo das persoas quen aporta ao mundo novo coñecemento académico empregando a nosa capacidade para razoar. Se a busca de coñecemento é un traballo, toda persoa que se dedique á mesma debe ter algún tipo de retribución por levalo a cabo. Resulta tremendamente difícil desenvolver investigacións se non se ten certeza de como pagar o aluguer, a gasolina do coche, o acceso á cultura, etc. Ademais, en ausencia de retribucións, son as capas sociais con máis renda, así como as persoas que acceden a contratos de maneira discreccional, as que sistematicamente copan a carreira investigadora. Os criterios de mérito e capacidade aparecen nesgados. O acceso á posibilidade de investigar tórnase antidemocrático. Esta realidade obsérvase con maior crueza na investigación predoutoral, onde case o 80% dos doutoramentos na USC seguen a cursarse sen ningún tipo de axuda ou retribución salarial.
- En segundo lugar, o proceso científico é, por definición, desinteresado de calquera outra consideración que non sexa a procura da verdade. Os descubrimentos científicos son tal con independencia de se afectan positiva ou negativamente a calquera interese particular. A política científica ensaiada nas últimas décadas ten transfigurado o sentido do interese académico, asimilándoo cada vez máis aos intereses particulares do mundo empresarial non sometidos a control democrático. Baixo o pretexto de construír unha Universidade “ao servizo da sociedade” logrouse unha investigación case exclusivamente orientada cara aqueles campos cunha aplicación máis inmediata e rendible economicamente nos mercados. Ata o momento, as convocatorias de contrato predoutorais viñeron a reforzar esta dinámica. Así, conseguen maior puntuación as persoas candidatas asociadas a grupos de investigación con maior captación de recursos. No caso galego, a adhesión aos obxectivos marcados pola Estratexia de Especialización Intelixente (RIS) opera no mesmo sentido. En suma, a decisión sobre que se investiga non é tomada en base a criterios académicos nos Consellos de Departamento, Consellos de Goberno ou espazos análogos. Pola vía dos feitos, este tipo de decisións son tomadas polas empresas sen someterse estas aos criterios académicos.
Os avances conseguidos apuntan na boa dirección. Por unha banda, esténdese o número de persoas que farán a súa tese de doutoramento cun respaldo material gracias á creación dos novos contratos predoutorais da USC e á maior duración dos contratos predoutorais da Xunta de Galicia. Aínda que de maneira insuficiente, isto debe servir para que o acceso ao doutoramento non supoña un chanzo engadido na escaleira de segregación social observada nos estudos superiores. A decisión sobre quen pode acceder á investigación vólvese desta maneira un pouco máis democrática, ao erosionarse lixeiramente o peso da renda de cada persoa á hora de desenvolver a carreira investigadora. Outras batallas neste mesmo sentido, como as relacionadas coa vivenda, a asistencia a Congresos, etc. deberán ser valoradas no futuro. Doutra banda, na convocatoria xeral de contratos da USC logrouse deixar de lado os criterios non académicos na súa asignación. A persoa candidata será valorada polo seu expediente e polo seu plan de investigación. Ademais, recibirá unha puntuación pola área de coñecemento na que se encadre o seu director de tese. Esta puntuación non virá outorgada por ningún criterio mercantil, senón por un criterio de necesidade docente. Desta maneira, a decisión sobre que se investiga na universidade tórnase un chisco máis democrática, excluíndo a elementos alleos ao coñecemento da toma de decisións.
Os pequenos pasos dados son froito do incansable esforzo persuasivo, organizado e entusiasta das persoas que loitamos por estender os dereitos das investigadoras. Somos conscientes de que estas e outras vitorias son pequenos pasos nunha longa marcha. Faise preciso loitar pola consolidación destes avances a través dunha democratización do goberno da investigación. Por iso, animámosvos unha vez máis a unirvos á AIC, como xa fixeron centos de investigadoras: cantas máis sexamos, máis forza teremos, tanto nas rúas como nas mesas de negociación.
Nunca máis unha empresa decidindo o que é ou non é academicamente relevante. Nunca máis a posición social de cada quen decidindo quen ten máis mérito e capacidade para investigar. Tales máximas son as que nos permitirán conquistar, pouco a pouco, unha Universidade Democrática e Digna.