Todolos artigos de: aic

Emenda aos OXE pola indemnización predoutoral

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela, xunto con FPU Investiga, presentámoslle a semana pasada aos partidos políticos do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados unha proposta de emenda aos Orzamentos Xerais do Estado 2021 para modificar a Lei 14/2011 (Lei da Ciencia) para que esta recoñeza explicitamente o dereito a indemnización por finalización de contrato das investigadoras predoutorais.

Asociacións, sindicatos e demais colectivos mantiveron ao longo desta semana e da pasada unha intensa campaña de promoción e divulgación desta proposta de emenda a través das redes sociais e medios de comunicación. Algunha delas:

Ata o momento, cónstanos que MásPaís e o BNG presentaron sendas emendas a dita lei. Agora agardamos que os demais partidos as apoien, amosando así o seu compromiso coa investigación.

Que queres saber do doutoramento?

Xoves 15 de outubro ás 20:00. Anímate e participa entrando a través deste enlace.

Tras matricularnos nun programa de doutoramento, mestúranse en nós un sentimento de ilusión cunha manchea de dúbidas sobre o noso futuro.

  • Cando e como debo presentar o Plan de Investigación?
  • Cales son as axudas públicas ás que podo optar para poder ter un contrato namentres investigo?
  • Cales con os meus dereitos como doutorando na Universidade de Santiago de Compostela?

Para axudar a resolver estas cuestións e todas as que poidan xurdir, desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela convocamos o vindeiro xoves día 15 de outubro ás 20:00h unha reunión informativa. Entre todas, procuraremos dar resposta a todas esas preguntas que temos na cabeza cando comezamos a andaina de investigar, contando ademais coa experiencia e coñecementos de compañeiras que xa pasaron pola nosa situación. Non dubidedes en unirvos e achegarnos as vosas cuestións.

Por mor das restricións sanitarias derivadas da pandemia de Covid-19, a xuntanza terá lugar de maneira telemática empregando a ferramenta de Teams.

Que ocorre coas posdoutorais da Xunta de Galicia?

Martes 13 de outubro ás 19:00. Anímate e participa entrando a través deste enlace.

Todo o sector investigador está en alerta:

  • Polas demoras e/ou cancelacións das posdoutorais da Xunta para o ano 2020.
  • Polos problemas que actualmente teñen as investigadoras da Modalidade A para cumplir coa execución das súas estadías durante a pandemia.
  • Polas desigualdades  derivadas, ano tras ano, da non contemplación de supostos de maternidade, adopción ou FIV nas convocatorias.

Desde a AIC cremos que é importante artellar canto antes unha estratexia de actuación que parta desde a unidade das investigadoras afectadas polos motivos agora expostos. Para iso cremos que é beneficioso compartir as distintas casuísticas co fin de buscar solucións e plans de acción cos que abordar os múltiples problemas que se presentan na etapa posdoutoral en Galicia.

Ademais, na sesión parlamentaria do martes 13 de outubro, que se vai poder seguir en liña, o BNG vai levar a debate a iniciativa sobre estas convocatorias. A raíz deste debate poden xurdir novas preguntas: pode ser a convocatoria en 2020 idéntica á dos outros anos? É suficiente?

Neste sentido queremos convocar unha xornada de traballo enfocada a tratar este asunto o propio martes 13, en horario de 19:00 a 21:00 a través de Microsoft Teams, aberta a todo o colectivo investigador que queira participar, pero especialmente dirixida ao persoal posdoutoral actual ou que vaia a convertirse en posdoutoral nos próximos meses.

A USC seguirá incumprindo a súa propia normativa laboral

Anuncia, en cambio, que si cumprirá o EPIPF

Este mércores, 12 de xuño, o Xerente da Universidade de Santiago de Compostela vén de anunciar que cumprirá a lei.

Así, tres meses despois da entrada en vigor do Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF), aprobado por R.D. 103/2019, a USC anuncia que o acatará e que empezará a pagar os salarios mínimos aos que está obrigada, posiblemente na nómina de xullo. É dicir, que aínda haberá que seguir agardando.

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela xa fomos críticas no seu momento coa redacción final do EPIPF que aprobou o Goberno, pois non recollía algunhas das importantes demandas que o colectivo predoutoral lle tiña trasladado. Logo, ficamos abraiadas ao ver que a USC se negaba a aplicalo cando entrou en vigor. E, agora, estamos profundamente decepcionadas pola oportunidade perdida pola USC, xa que anunciou que se limitará a cumprir só os mínimos aos que entende que lle obriga a lei, mentres segue negándose a atender as nosas demandas, a cumprir a súa propia normativa interna e, incluso, a sentenza xudicial que a condena a pagar a indemnización por extinción de contrato.

A medida anunciada pola USC traduciríase en que algunhas persoas con contrato predoutoral de, por exemplo, 3 ou 4 anos (as duracións máis comúns de contratos vencellados a convocatorias de axudas públicas) estarían cobrando, respectivamente e segundo os mínimos asumidos pola USC na súa interpretación do EPIPF, 4.472,27 € ou 874,64 € menos que as persoas da súa mesma categoría, ás que si se lles está aplicando a normativa interna da USC e si se lles está pagando a indemnización. Todo isto segundo os cálculos feitos coas retribucións mínimas actualmente vixentes para ambas normativas e para a duración total do contrato. É dicir, acatando así o EPIPF, a USC segue incumprindo, segue discriminando e segue aforrando cartos.


Normativa USC Novo EPIPF Diferenza
Retribucións Ano 1 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 2 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 3 17.428,76 € 17.279,56 € -149.20 €
Indemnización Extinción 1.720,72 € 0,00 €* -1.720,72 €
Total 54.007,00 € 49.534,73 € -4.472,27 €

Normativa USC Novo EPIPF Diferenza
Retribucións Ano 1 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 2 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 3 17.428,76 € 17.279,56 € -149.20 €
Retribucións Ano 4 17.428,76 € 21.599,45 € 4.170,69 €
Indemnización Extinción 2.293,77 € 0,00 €* -2.293,77 €
Total 72.008,81 € 71.134,17 € -874,64 €

* A USC recorreu a sentenza que a condena a pagala e néganse a facelo.
Cadros: Importes correspondentes ao ano 2019 para a categoría de Investigador/a en Formación

Por que se anuncia entón que “a USC investirá outros 200.000 euros en incrementos salariais” -como puidemos ver publicado en varios medios-?. Pois por dúas razóns: porque a USC non está cumprindo a lei e está pagando menos do que debe a parte do colectivo predoutoral, co conseguinte aforro, e porque ademais, agardando ao mes de xullo fai coincidir esta regularización co pago dos atrasos que lles debe desde o 16 de marzo -data na que entrou en vigor- e coa suba do 0,25% do mes de xullo que tamén está obrigada a facer por lei. Suba esta, dito sexa de paso, que segue negándose a aplicarlle a parte do seu persoal, como vén facendo desde o ano 2016.

O de “outros”, francamente, non sabemos a que vén.

Así as cousas, tras un ano de mandato, o Equipo de Goberno da USC segue negándose a atender as principais demandas do colectivo. E non é que non as aplique, é que non quere nin sequera falar delas nin negocialas. Nin coa AIC nin cos sindicatos.

Un ano no que a USC nin fixo nada ao respecto nin mudou de actitude. Un ano perdido.

Por todo isto, non nos queda outra que seguir loitando nos #MartesNegros #PorUnhaUSCDigna e explorar novas vías de mobilización e protesta.

[Última Actualización 17/06/2019]: Actualización de retribucións mínimas de acordo ao novo EPIPF debido á publicación do IV Convenio colectivo unico para o persoal laboral da Administración Xeral do Estado.

Versión en castellano

Xornada sobre Dereitos Laborais

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela temos o pracer de organizar unha xornada sobre dereitos laborais este mércores 12 de xuño ás 18.30 na Aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia.

Alba Nogueira, Catedrática de Dereito Administrativo, será a encargada de explicar e expoñer aqueles temas que máis inquedanzas nos producen e que recollemos na pasada enquisa que vos remitimos.

A xornada comezará cunha charla introdutoria na que o noso compañeiro David Chapela, investigador no CiTIUS e membro da AIC, falará sobre como entender a nosa nómina. Pecharemos a sesión cun coloquio aberto á participación do público.