Todolos artigos de: Asemblea de Investigadoras de Compostela

Asinadas as prórrogas dos contratos predoutorais propios da USC de 2022

En 2022 a AIC conseguiu que a USC recuperara os contratos predoutorais propios.

O 1 de agosto dese mesmo ano comezaban estes contratos cunha duración inicial de 2 anos e despois dun longo proceso non falto de problemáticas, tanto nos prazos da resolución como no baremo empregado.

Estes días, froito da insistencia da Asemblea, as persoas beneficiarias asinaron as prórrogas para o terceiro ano destes contratos como prevía a convocatoria.

Desde a AIC seguimos traballando para facer medrar o número de contratos, mellorar as condicións das investigadoras predoutorais e lograr unha carreira investigadora digna.

Neste sentido, xa pedimos as explicacións do atraso da convocatoria das axudas predoutorais propias deste 2024 que conseguíramos incluír como emenda ós orzamentos no claustro de decembro de 2023 xunto con outras reivindicacións e agardamos ter máis información proximamente.

O noso obxectivo, ningunha traballadora sen contrato!

A fenda salarial de xénero na USC

A finais do 2023 publicouse un informe coordinado polo CIFEX sobre fenda salarial e o seu impacto nas mulleres PDI da USC e as causas do seu mantemento. A fenda salarial de xénero (FSX) é a diferenza entre as retribucións brutas medias anuais de mulleres e homes e inclúe o salario base e os complementos retributivos. Na USC é de preto do 6%. Os complementos de produción, xestión ou liderado científico son o factor principal que explica a desigualdade nas retribucións totais percibidas polas mulleres:

  • Os homes acumulan máis quinquenios por horas de docencia ca as mulleres. Dentro do colectivo de mulleres PDI, cinco de cada dez non teñen computados quinquenios, mesma porcentaxe que os seus compañeiros, pero eles suman maior peso entre o grupo de cinco ou máis quinquenios recoñecidos.
  • Do total de sexenios do PDI da USC, a porcentaxe de mulleres con algún sexenio recoñecido é do 37,1 % ata tres puntos por baixo dos homes (40 %).
  • A retribución media dos homes por participación en proxectos e convenios supera os mil euros, fronte a media de 516,72 euros para as mulleres.
  • As disciplinas de Artes e Humanidades e os estudos pertencentes á área de Ciencias da Saúde amosan os maiores desequilibrios (8,3 puntos ). Na área de Enxeñería e Arquitectura a diferenza é de 6,5 puntos mentres que as áreas de Ciencias (1,6) e Ciencias Sociais e Xurídicas (1,5) mostran un escenario menos negativo.
  • As mulleres, derivado dos sesgos de xénero, asumen maior carga de funcións administrativas e organizativas e o seu acceso aos cargos de xestión e dirección vese limitada.
  • Asumir responsabilidades de docencia e xestión relega a dedicación á investigación e á produción científica das mulleres respecto dos homes. As consecuencias trasládanse á traxectoria laboral, manifestándose nunha menor retribución salarial respecto dos seus compañeiros.

Presentación da campaña “Investiga en galego”

Que é Investiga en galego? 

Desde a AIC, preocupadas pola situación da lingua propia na USC, e concretamente no eido da investigación, creamos a campaña de difusión Investiga en galego para promover o seu uso neste ámbito. 

En que consiste Investiga en galego? 

A campaña consta de dúas partes:

Por unha banda, unha charla-obradoiro sobre a situación do galego na USC e na investigación, que impartiu o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC, na segunda edición das xornadas J-CLI que se realizaron os días 7 e 8 de novembro de 2023. Aquí, Xusto Rodríguez, traballador do SNL, falou sobre as dificultades estruturais que presenta o entorno académico para publicar en galego ⎼e en xeral, calquera outra lingua distinta do inglés. Estas dificultades teñen como resultado que o galego sexa unha lingua minoritaria á hora de elaborar teses de doutoramento na USC. Tamén explicou as distintas ferramentas das que dispoñemos as investigadoras para nos facilitar o emprego da lingua galega á hora de transferir os nosos coñecementos, como o Buscatermos ou as extensións aos dicionarios dos procesadores de texto, entre outras

Por outra banda, Investiga en galego é tamén unha campaña de promoción en papel, mais tamén virtual, que atoparás nalgúns centros da USC. Investigadoras e investigadores da USC que redactaran ou están redactando a súa tese doutoral en galego participaron de forma desinteresada respondendo estas catro preguntas: 

  • Por que escolliches elaborar a túa tese en galego? 
  • Tiveches (ou tes) algunha dificultade á hora de preparar a túa tese en galego? 
  • De ser así, como a(s) solucionaches? 
  • Que beneficios tivo (ou ten) para ti facer a tese en galego? 

As respostas son a pedra angular da campaña, xa que dan a coñecer o uso cotián da lingua, as súas vantaxes na investigación e tamén algunhas dificultades e como as solucionaron. Con elas elaboramos unha serie de carteis en papel que poderás atopar nos próximos días (xaneiro de 2024) nos distintos centros da USC e unha campaña en dixital dispoñible aqui:

ir á páxina da campaña

(recomendamos realizar a visita a través dunha tablet ou ordenador, non do móbil)

Seguimos a traballar para abrir espazos á lingua propia na Universidade. 

Finalmente, temos que lles agradecer a colaboración a Laila Al-Soufi Novo, José Manuel Amoedo Meijide, Kylyan Marc Bisquert i Pérez, Daniel Cajade Pascual, Diego Cidrás Fernández, Diego Cora Calvo, Silvia Diz, David Manuel Gómez Novo, Silvia González Rodríguez, Aida Lorenzo Campos, Alba Paz Castro, Santiago Rodriguez Caramés, Laura Rubio Lareu, Jéssica Sanmarco e Noelia Vicho de la Fuente, xunto co Servizo de Normalización Lingüística da USC polo apoio. 

Xerencia: suba de prezos e o seu NON á tarxeta restaurante

Xerencia vén de publicar un incremento nos prezos das cafeterías universitarias. Falamos, por exemplo, dun incremento de 1€ no menú diario.

Como vos informamos anteriormente, en xullo mandámoslle á Xerencia unha proposta de implantación dunha tarxeta restaurante na USC.

Esta permitiría aforrar entre o 23.65% e o 30% do custo dun menú diario con custo nulo para a USC xa que se trataría de explotar unha das opcións que a Lei do IRPF nos brinda.

Xerencia obviou a proposta, non quixo reunirse con nós nin entrar a valorala. Dinos, coma sempre que quere marearnos, que se trata dun tema a tratar en mesa sindical.

Á mesa sindical fomos, onde as representantes das traballadoras (é dicir, os sindicatos) aprobaron no Comité de Empresa o apoio da proposta da AIC.

O tema foi tamén levado á Mesa de PAS-PDI pero o Xerente unha vez máis mareou o tema para acabar dicindo que non pero sen tampouco ningún argumento concreto.

Seguirimos insistindo.