Arquivo da categoría: Novas

Te lo cuentan las matemáticas

Accede á charla a través desta ligazón!

O 11 de febreiro ás 19:30 a través de Microsoft Teams, celebrarase unha charla organizada polo GdT de Xénero na que a nosa compañeira Beatriz Álvarez, doutoranda no Departamento de Matemáticas, presentaranos o proxecto de innovación docente “Te lo cuentan las matemáticas” da Universidade de Vigo, do que forma parte e que está patrocinado pola FECYT e o Consello Social da UVigo.

Nesta presentación tratarase a importancia de aprender matemáticas dun xeito diferente, para que estas deixen de ser unha materia aborrecida. Co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, o evento centrarase tamén na análise das diferentes percepcións que os nenos e nenas teñen respecto da disciplina e, sobre todo, na necesidade de que as mulleres matemáticas deixen de ser as grandes esquecidas para converterse nos referentes das nenas de agora, que serán as matemáticas do futuro.

Seguidamente da presentación, abrirase unha quenda de debate.

O que non che contaron das novas Axudas Predoutorais da Xunta

👉 Preguntas frecuentes e documentación da charla

Martes 9 de febreiro ás 20:00. Anímate a participar a través desta ligazón.

Unha das principais opcións que temos as investigadoras predoutorais para conseguir financiamento nos inicios da nosa carreira investigadora en Galicia é optar ás axudas predoutorais da Xunta de Galicia, que este ano chegan cargadas de novidades.

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela organizamos unha xuntanza informativa que terá lugar o vindeiro martes día 9 de febreiro ás 20:00 horas. Destriparemos convosco a convocatoria deste ano e trataremos de dar resposta ás cuestións que nos formuledes: 

  • Como funcionan os procedementos de solicitude?
  • Como son os procesos de avaliación?
  • Cantos e como son os anos de contrato?
  • Como e cando podo irme de estadía

Por mor das restricións sanitarias derivadas da pandemia de COVID-19, a xuntanza terá lugar de xeito telemático a través da plataforma Microsoft Teams. Non dubidedes en conectarvos.

Muller traballando estresada

A carreira investigadora en Galicia: discontinuidade e precariedade

Hai uns días publicábase en La Voz de Galicia un artigo no que se exaltaba o Programa de Atracción e  Retención do Talento científico en Galicia promovido pola Xunta. Mediante o devandito programa incorporaranse ao Sistema Universitario de Galicia 15 investigadores/as coa categoría de Persoal Investigador Distinguido. Destas 15 axudas, 5 estarán destinadas a investigadores/as que xa desenvolven a súa labor en Galicia, mentres que as 10 restantes serán destinadas a captar investigadores/as procedentes doutras universidades. Dende a AIC queremos resaltar que este programa non supón mellora significativa na carreira investigadora en Galicia, a cal, ao contrario do que suxire a nova, non transcorre de forma continua e segura, senón chea de atrancos, paróns e inseguridades.

Por un lado, ao longo dos distintos chanzos desta carreira, o número de axudas que se convocan é cada vez menor, provocando que gran parte do persoal investigador teña que abandonar a labor investigadora. O primeiro destes filtros sucede entre a etapa predoutoral e posdoutoral, cando, das poucas investigadoras que comezan a etapa predoutoral cun contrato da Xunta (en torno a 100 cada ano), menos da metade desfrutarán dun contrato na primeira etapa posdoutoral (modalidade A). Estas axudas aínda se reducen de forma máis acentuada na segunda etapa (modalidade B), podendo continuar na carreira investigadora soamente 20 das investigadoras posdoutorais anteriores. No seguinte chanzo, soamente 15 investigadoras poderían desfrutar destas novas axudas para Persoal Investigador Distinguido, destinando soamente 5 delas ao persoal investigador que desenvolve a súa labor en Galicia.

Ademais, non existe un calendario de convocatorias estable, derivando isto en importantes variacións de ano en ano que dan lugar a longos paróns e inseguridades entre cada unha das etapas. Proba disto é que a Xunta decidiu non convocar as axudas posdoutorais da modalidade B correspondentes ao ano 2020. Esta falla de convocatoria xa aconteceu en 2010 e 2015, repetíndose este patrón cada 5 anos. Finalmente, este Programa de Atracción e Retención do Talento científico en Galicia non asegura unha estabilización do persoal investigador que leva anos formándose, xa que se trata dun contrato de tan só 4 anos.

Dende a AIC consideramos que a convocatoria de Investigadores Distinguidos non resolve as problemáticas ás que se ven enfrontando o sector dende fai anos: precariedade, falta de estabilización e de oportunidades, incerteza ante a periodicidade das convocatorias e, sobre todo, ausencia dun futuro seguro para a súa labor profesional. Por todo o anterior e agora máis que nunca, debemos xuntar forzas, visibilizar as graves deficiencias da carreira investigadora en Galicia e reclamar á Xunta respostas reais que abran un horizonte digno para o colectivo.  Non é tempo de parches Sr. Feijoo, senón de solucións e compromisos!

Coloquio sobre xénero e investigación sanitaria con María de la Fuente e María Pardo

Xornada contra as violencias machistas

Luns 23 de novembro ás 18:00. Anímate a participar a través deste enlace.

O 23 de novembro, de 18.00 a 19.30 a través de Microsoft Teams, teremos un coloquio virtual sobre xénero e investigación sanitaria a cargo de María de la Fuente, investigadora líder da Unidade do Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do IDIS, e María Pardo, investigadora líder do grupo Obesidómica do mesmo centro.

A conversa xirará arredor da súa experiencia profesional na investigación sanitaria como mulleres investigadoras con postos de liderado, para visibilizar os atrancos cos que se foron atopando ao longo das súas carreiras, que violencias de xénero identifican no sector, e cales son as medidas que cren necesarias introducir para acadar unha igualdade de oportunidades real entre mulleres e homes.

Emenda aos OXE pola indemnización predoutoral

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela, xunto con FPU Investiga, presentámoslle a semana pasada aos partidos políticos do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados unha proposta de emenda aos Orzamentos Xerais do Estado 2021 para modificar a Lei 14/2011 (Lei da Ciencia) para que esta recoñeza explicitamente o dereito a indemnización por finalización de contrato das investigadoras predoutorais.

Asociacións, sindicatos e demais colectivos mantiveron ao longo desta semana e da pasada unha intensa campaña de promoción e divulgación desta proposta de emenda a través das redes sociais e medios de comunicación. Algunha delas:

Ata o momento, cónstanos que MásPaís e o BNG presentaron sendas emendas a dita lei. Agora agardamos que os demais partidos as apoien, amosando así o seu compromiso coa investigación.