Arquivo da categoría: Novas

U-las Axudas Posdoutorais da Xunta de Galicia?

Insistiamos hai uns días na importancia da predicibilidade na carreira investigadora. Para garantir isto, como xa mencionamos noutras ocasións, é fundamental contar cun calendario de sistema de axudas estables e periódicas no tempo. 

Deste xeito, poden producirse as transicións entre as distintas fases da carreira investigadora coas menores disrupcións posibles. En particular isto é especialmente importante nos inicios da carreira investigadora, na transición de investigadoras predoutorais a posdoutorais. 

Por este motivo, nos países da nosa contorna hai convocatorias públicas, estables e periódicas no tempo dirixidas á mencionada transición. En Galicia, dispoñemos para este fin das Axudas Posdoutorais da Xunta de Galicia, que nos últimos anos están gozando de bastante protagonismo, aínda que non para ben.

Este ano académico parece que está a repetirse a historia do 2015: a Xunta aínda non convocou as axudas e non hai previsión de que as vaia convocar a curto prazo, a pesar de que xa o 1 de maio lle solicitabamos por rexistro a súa convocatoria.

As consecuencias máis inmediatas: máis de 50 profesionais da investigación irán á rúa e Galicia deixará de beneficiarse do seu traballo. As consecuencias máis a longo prazo: a fuga de talento e de capital humano. En palabras da nosa compañeira Laura Camino Plaza, “Hai unha precariedade estrutural que acabamos asumindo”.

Ante a situación, a AIC non pode quedar cos brazos cruzados, por iso convocaremos unha xuntanza de traballo para abordar este tema á que sodes todas benvidas. Estade atentas ás redes estes días, pois teredes máis novas nosas. 

Segundo Borrador do Estatuto do PDI na Carreira Investigadora

Hai unhas semanas publicouse a segunda versión do borrador do Estatuto do PDI na Carreira Investigadora, e dende a AIC queriamos facer unha pequena análise e valoración do mesmo.

Unha das maiores dificultades que atopan as investigadoras no noso país a día de hoxe para desenvolver o seu traballo é a ausencia dunha carreira investigadora definida, progresiva e estable.

Para empezar, non existe un calendario de convocatorias estables no tempo (non hai máis que ver a variación ano a ano das Axudas Predoutorais e Posdoutorais da Xunta de Galicia, sen mencionar os anos nos que non se convocan). Como resultado, en moitas ocasións as investigadoras vense obrigadas a traballar durante longas temporadas de xeito non remunerado ou mesmo teñen que abandonar a investigación.

Á xa delicada situación que estamos a describir, súmase a carencia de convocatorias de estabilización. A consecuencia disto, ás investigadoras non lles queda outra que escoller entre a precariedade, a emigración ou o abandono da carreira investigadora.

Neste contexto, semella imprescindible crear e regular a devandita carreira investigadora. Esa é a suposta finalidade do Estatuto do PDI. O segundo borrador vén de ser publicado fai poucos días e nós trataremos de analizar como afecta á carreira investigadora.

Comecemos co Preámbulo, no cal se motiva a necesidade do estatuto e expóñense os seus propósitos. Son moi relevantes os dous parágrafos seguintes:

Seguidamente, enúncianse os “cinco piares” nos que se basea o estatuto. A nós aféctannos especialmente o segundo e terceiro:

Na análise da situación na que nos atopamos, non se dubida en expoñer carencias e defectos a corrixir, por exemplo o problema da fenda de xénero:

Ou o exceso de burocratización para un simple proceso de acreditación:

Procedamos agora a resumir como afecta o Artigo único do Estatuto á carreira investigadora. Para empezar, a carreira “académica” (si, di académica, non investigadora) para o profesorado divídese en tres fases tal e como ilustramos no seguinte esquema:

Resumimos as distintas figuras do profesorado na seguinte táboa:

Algúns apuntamentos máis. O persoal docente e investigador contratado non poderá superar o 49 por cento do total de persoal docente e investigador total da universidade (computado en equivalencias a tempo completo).

O persoal docente e investigador con contrato laboral temporal non poderá superar o 40 por cento do cadro de persoal docente (computado en equivalencias a tempo completo). Isto eleva a porcentaxe actual (40 por cento do cadro de persoal docente computado en número de persoas).

A nosa valoración: un Preámbulo cheo de boas intencións, pero que non se traducen en medidas concretas no artigo único da lei. 

Muller traballando estresada

Máis casos de precariedade na investigación galega

As bolsas de investigación da Deputación de Coruña obrigan a traballar sen un contrato laboral

A principios de setembro coñecíamos a situación da investigadora Pilar Picallos, a quen lle esixen devolver a cantidade íntegra dunha bolsa de 6.000 euros da Deputación da Coruña, con recargos e intereses, tras renunciar a ela por ter conseguido un contrato de 3 anos no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Con todo, a investigadora traballou durante tres meses ao amparo da bolsa, e mesmo conseguiu publicar un artigo científico nunha revista internacional mencionando dita financiación nos agradecementos.

As bolsas de investigación da Deputación da Coruña, dun ano de duración e unha cuantía total de 8.000 euros, son incompatibles con calquera outra bolsa ou cun contrato laboral (a excepción de servizos esporádicos cunha duración total acumulada non superior a 720 horas). Este foi o motivo polo que a investigadora renunciou a ela unha vez que foi contratada a tempo completo no IDIS. Se ben o lóxico tería sido que a Deputación da Coruña contemplase o tempo traballado pola investigadora ao abeiro da súa bolsa de investigación e lle reclamase só a parte proporcional non gozada trala súa renuncia, a situación actual á que se enfronta Pilar Picallos é de todo menos racional.

Desde a AIC queremos mostrar todo o noso apoio á investigadora e visibilizar a precariedade e indefensión ás que está sometido o colectivo investigador en Galicia. Aínda que as bolsas da Deputación da Coruña pretenden ser un incentivo para a investigación galega, a fórmula baixo a que se convocan é de por si moi cuestionable:

  1. Son bolsas, non contratos de traballo, polo que non existe ningún dereito laboral: non se cotiza, non hai dereito a prestación por desemprego, etc.
  2. A súa cuantía, resultando incompatible cun traballo estable, fomenta a precariedade obrigando a ter que subsistir durante todo un ano con pouco máis do que a bolsa outorga.
  3. Ademáis, tal e como se pode comprobar a partir do caso da propia Pilar Picallos, acaban supoñendo un atranco para desenvolverse profesionalmente no sector da investigación de maneira digna e con garantías.

Esiximos unha revisión das condicións destas bolsas para que deixen de precarizar a investigación en Galicia volvéndoas contratos de traballo ou, no peor dos casos, permitindo certa compatibilidade para asegurar así que a investigadora conte cuns ingresos mínimos que aseguren unha calidade de vida non precaria.

Outras condicións, coma o recente imposto límite de idade para optar a elas, deben ser tamén revisados para non deixar sen opcións, dun ano para outro, a xente que leva tempo planificando a súa traxectoria para pedilas.

Vitoria! As doutorandas poderán simultanear o doutoramento con estudos de grao e mestrado

No Consello de Goberno celebrado o venres día 24 de xullo aprobouse, entre outros documentos, o Regulamento dos Estudos de Doutoramento da USC. Na AIC levamos moito tempo pelexando pola posibilidade de que as doutorandas da USC, independentemente de traballar na súa tese, poidan cursar algún grao ou mestrado na mesma ou noutras universidades.

Por este motivo, estamos contentas de vos informar que conseguimos que o novo Regulamento dos Estudos de Doutoramento (Artigo 19) contemple a posibilidade de simultanear o doutoramento e outros estudos de grao/mestrado, mesmo para aquelas investigadoras predoutorais contratadas.

Artigo 19. Simultaneidade de estudos oficiais
1. Permítese a simultaneidade da matrícula nun programa de doutoramento coa matrícula noutros estudos universitarios oficiais (grao e/ou mestrado universitario), cun máximo de 90 ECTS. Para estes efectos, a matrícula nun programa de doutoramento a tempo completo será equivalente a 60 ECTS mentres que a tempo parcial o será a 30 ECTS.
2. Non se poderá realizar a matrícula simultánea en dous programas de doutoramento.

A dedicación a tempo completo ao doutoramento, debido ao seu cómputo como 60 ECTS, só é compatible cun máximo de 30 ECTS de estudos de grao ou mestrado adicionais. No caso de dedicarse a tempo parcial ao doutoramento, será posible cursar ata 60 ECTS de grao ou mestrado.

En relación co indicado anteriormente, neste novo regulamento inclúese como unha posible xustificación para solicitar o tempo parcial no doutoramentoa simultaneidade con outros estudos nos que se estea matriculado de 60 ECTS”. Desta maneira, as persoas que queiran compatibilizar o doutoramento con outros estudos de grao ou mestrado (e non teñan unha relación contractual que as obrigue a cursar o doutoramento a tempo completo), terán a posibilidade de realizar o doutoramento a 30 ECTS e o grao/mestrado a 60 ECTS.

Finalmente, queremos aclarar que, se tes un contrato de traballo, a simultaneidade nos estudos non entra en conflito coas cláusulas de exclusividade laboral firmadas coa USC.

Vitoria! A USC expedirá de novo os SETs das súas titulacións

O Suplemento Europeo ao Título (SET) é o documento trilingüe (galego, castelán e inglés) que acompaña ao título e que contén toda a información unificada, personalizada para cada titulada universitaria, sobre a titulación acadada: expediente académico, nota media, capacidades profesionais, nivel da súa titulación no sistema nacional de educación superior, etc.

A súa solicitude e expedición veñen reguladas polo RD 22/2015. Este Real Decreto establece que, unha vez o interesado solicite o título correspondente, as universidades deberán expedir xunto a este o Suplemento Europeo ao Título (SET). Sendo a primeira expedición de carácter gratuíto.

A Universidade de Santiago de Compostela levaba máis de 4 anos sen expedir este documento, polo que nos puxemos en contacto coa mesma para solicitar que o volvese a expedir. Tras moito esperar e despois de varias peticións formais vía rexistro, vímonos na obriga de acudir ao Valedor da Comunidade Universitaria, o cal vén de informarnos que a USC vai retomar a expedición dos SETs despois do verán.