Conversa con Celia Arroyo: o acoso laboral na academia

Luns 29 de novembro ás 19:30 horas. A través de Microsoft Teams.

Desde o GdT de Xénero da AIC, queremos convidarvos a asistir a un coloquio con Celia Arroyo, científica e activista polos dereitos laborais do colectivo investigador, que terá lugar o vindeiro luns 29 de novembro ás 19:30.

Celia Arroyo sufriu acoso laboral no eido académico e, desde que denunciou a súa situación ante as institucións, traballa por concienciar sobre a importancia de desenvolver mecanimos de prevención e axuda para as vítimas. De aí que promovese a petición 1132/2020 para a creación dun órgano europeo co que previr o acoso laboral na academia.

A charla será a través de Teams. Ese día, algunhas compañeiras e compañeiros conectarán coa videoconferencia desde a aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia, polo que se che apetece escoitar á nosa convidada en compañía, alí te agardamos!

O que queres saber do doutoramento

Martes 26 de outubro ás 19:30. Aula 12 da Facultade de Historia. Anímate a participar tamén a través de Teams.

A todas nos xorden preguntas tras matricularnos nun programa de doutoramento:

  • Cando e como debo presentar o Plan de Investigación?
  • Que é unha estadía de investigación?
  • Oín falar da Mención de Doutoramento Internacional. Que é iso?
  • Que opcións de financiamento teño?
  • Podo compaxinar con outros estudos universitarios?
  • Existe formación complementaria aos meus estudos de doutoramento?

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela, convocamos esta sesión informativa a cargo de compañeiras da AIC coa intención de dar resposta a estas preguntas e outras que nos poidades formular. Non dubidedes en achegarvos o martes 26 de outubro á aula 12 da Facultade de Historia

Agardámosvos!

Acordo para o recoñecemento dos trienios

O persoal investigador da USC ve por fin recoñecido o seu dereito a trienios

A universidade e a representación sindical firman un acordo para recoñecer o dereito a percibir complementos por antigüidade do persoal investigador

Onte, 21 de setembro, a representación sindical e máis o equipo de goberno asinaron o acordo que pon fin á discriminación do persoal investigador pre e posdoutoral (convocatorias públicas) e persoal contratado a cargo de proxectos en canto ao complemento por antigüidade (trienios).

Nos vindeiros días a universidade publicará o procedemento e formularios a seguir para solicitar este dereito. Aquelas persoas que teñan demandado o seu dereito ao complemento por antigüidade en sede xudicial se poñan en contacto coa súa defensa antes de realizar trámite algún.

Como contabamos en xullo, que a USC acepte aboar os trienios ao persoal máis precarizado é froito do longo traballo que viñemos desenvolvendo dende esta asociación ao longo dos 3 anos de existencia: mobilizacións, xuntanzas, moitas horas de dedicación a preparar información e, o máis importante, a todas as demandas individuais presentadas, especialmente á única que de momento foi xa a xuízo (na USC, pos temos réplicas na UVigo) e que abriu esta xanela para todas.

A discriminación das matrículas de honra vinculadas ás ramas de coñecemento

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade rexeita por sistema as nosas suxestións ao Decreto polo que se fixan os prezos públicos nas universidades do SUG no período habilitado para facelo no portal de transparencia da Xunta de Galicia.

No Artigo 11 deste Decreto recóllese que as matrículas de honra (MH) só conlevan a exención de pagamento no seguinte curso académico do número de créditos correspondente no caso “de cursar unha segunda titulación de grao ou máster universitario, na mesma rama de coñecemento”.

  • En xuño de 2020, a AIC presentou unha suxestión a este Decreto que propoñía a conservación das MH independentemente da rama de coñecemento da segunda titulación, expoñendo que esta medida era discriminatoria, por exemplo para persoas doutras ramas que decidan facer o Mestrado de Profesorado, entre outros casos.
  • Ante a absurda negativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que aducía que “os estudos de máster deben conducir a unha maior especialización académica ou profesional”, a Asemblea elevou a solicitude á Valedora do Pobo.
  • En maio de 2021, despois dun ano de procedemento e numerosos requerimentos, a Valedora presentou á Consellería unha suxestión realizando a mesma petición que lle trasladabamos desde a AIC: que se eliminase dita restrición por rama ao non atopar razóns suficientes para mantela.
  • Unha vez máis, a Consellería rexeitou a petición este xullo sen dar ningún argumento convincente.

Ante a falta dunha xustificación adecuada, a Valedora do Pobo pechou o expediente de solicitude asegurándonos que incluirá no Informe Anual dirixido ao Parlamento de Galicia esta problemática. Confiamos que esta situación poida mudar no futuro e invitamos a todas as persoas e asociacións que poidan sufrir esta discriminación a elevar as súas propias solicitudes aos órganos competentes. A unión sempre fai a forza!

Desde a AIC seguimos e seguiremos pelexando por ter unha Universidade máis xusta, digna e democrática!

A USC acepta aboar os trienios ao persoal investigador

Concentración en prol da investigación na Praza do Obradoiro o 28/02/2019

Tras máis de dous anos de reclamacións e demandas xudiciais gañadas, o persoal investigador consegue que se cumpra o convenio colectivo

Hai xa máis de dous anos que, baixo o lema #PorUnhaUSCDigna, a AIC decidiu reclamar diversos dereitos para o persoal investigador. Algúns deles, como a indemnización por finalización de contrato, estaban recoñecidos anteriormente pola propia USC e foran inxustamente arrebatados. O pago dos complementos por antigüidade (trienios) é unha demanda histórica da AIC que, por fin, vai ser recoñecida: toda traballadora predoutoral, posdoutoral ou contratada a cargo dun proxecto na USC percibirá un complemento salarial por cada período de 3 anos de contrato. O acordo é froito do longo traballo desenvolvido durante estes 2 anos e que desencadearon protestas colectivas e demandas xudiciais ante a falta de vontade do equipo de goberno para poñer solucións enriba da mesa.

Mais na AIC valoramos o esforzo final do equipo de goberno para chegar a unha posición de consenso, sen esquecer que estabamos a falar dun dereito recoñecido no convenio colectivo e que o seu incumprimento supuña un trato desigual, precisamente, dos colectivos máis precarizados. A dignidade non se negocia e, neste caso, o seu recoñecemento chega tarde. Tampouco queremos esquecer que, a pesar do episodio final de negociación, foron as circunstancias destes dous anos, e non a vontade do equipo de goberno, as que posibilitaron o diálogo. Resultaría imposible ter visto á Xerencia da USC sentada nunha mesa desta índole sen a primeira sentenza gañada, sen as numerosas demandas individuais presentadas, e sen a forza que otorgou cada unha de vós a todos os sindicatos e asociacións que defendían este dereito. Grazas por asistir a cada protesta, por difundir cada comunicado e por traballar en prol dunha USC máis digna.

É neste punto no cal temos que facer un especial recoñecemento a todas esas persoas que decidiron empregar parte do seu tempo e folgos para presentar demandas xudiciais contra a USC por esta cuestión. Énchenos de orgullo dicir que a primeira delas, o xermolo desta reclamación, partiu da nosa asociación e que hoxe en día compañeiras de Vigo e A Coruña seguen a nosa estela. Sen esa semente das demandas, resultaría imposible entender que a USC aceptase finalmente pagar os trienios. Neste sentido, tamén queremos agradecer aos sindicatos con representación na USC ter trasladado ás mesas de representación esta reclamación, en especial á sección sindical de CCOO, por transformala nunha folla de ruta de case 2 anos, culminada nunha demanda colectiva que acelerou a sinatura deste acordo.

A nivel técnico, podemos resumir o acordo en que a USC pagará trienios ao persoal predoutoral, posdoutoral e contratado con cargo a proxectos a partir do 1 de setembro. Non obstante, quen teña xa dereito a máis dun trienio, só percibirá inicialmente un deles. Ao longo de 2022 incorporarase o pago do segundo, en 2023 o terceiro, en 2024 o cuarto e o resto en 2025.

Con todo, cómpre coller esta información con pinzas ata que vexamos redactado e asinado o texto definitivo do acordo.

Por último, dende a AIC queremos salientar que, de novo, este acordo vén a incidir nunha cuestión de capital importancia: a investigación, en calquera das súas etapas, é un traballo e debe estar recoñecido como tal. A USC é a entidade contratante de todas estas persoas, independentemente de se os seus contratos están cofinanciados por outras entidades, e ten a obriga de asumir calquera custo ou pago adicional que supoña a formalización dos devanditos contratos, como ben recollen as propias convocatorias de axudas públicas.

Dende a AIC esperamos que este acordo sexa a base para o recoñecemento de todos os dereitos pendentes do persoal de investigación e, sobre todo, da plena aceptación de que as tarefas de investigación son traballos que deben ser recoñecidos e remunerados.