Réplica da AIC ante as falsidades vertidas polo xerente da USC

Ante os artigos publicados en varios medios (Nós Diario, La Voz de Galicia, Galicia Confidencial e Galicia Press) nos cales a USC nega cometer neglixencia algunha na resolución da convocatoria de contratos predoutorais propios da universidade, a AIC declara que:

Nas declaracións recollidas, o Xerente da USC, Xabier Ferreira, proporciona varios datos e informacións que son parcial ou totalmente falsos. Máis concretamente:

  • Xabier Ferreira expón que os contratos se financiaron con fondos propios. Isto é falso; de feito, é amplamente coñecido o financiamento dos mesmos polo Banco Santander. Basta comprobar a propia convocatoria que colga da web da universidade e tamén a ligazón na propia web do Santander. Non obstante, si que é a primeira convocatoria interna deste tipo que fai a USC en máis dunha década. Porén, o Xerente esquece comentar que a realización desta convocatoria foi o froito de meses de negociación coa propia AIC, a cal reivindicou o feito coma consecución dunha demanda histórica. Dado que a iniciativa foi impulsada pola AIC e o financiamento provén do Banco Santander, o “mérito” que ten a USC é a xestión da convocatoria, que é precisamente onde se acha a polémica deste asunto.
  • Tamén é falsa a información que proporciona o Xerente cando afirma que eran dous os criterios que se valoran na convocatoria. Como pode comprobarse no artigo 16, outórganse: 40 puntos polo expediente normalizado (onde se atopa o erro que nos ocupa), 40 puntos pola área de coñecemento (feito ao que fai referencia o Xerente na súa réplica) e 20 puntos polo plan de traballo (que non se mencionan). Tal vez o Xerente esquece este terceiro criterio porque, como xa denunciou a AIC na nota orixinal, a USC optou por non avaliar ese terceiro apartado ás solicitudes que non sumasen máis de 55 puntos entre os dous primeiros. A aplicación desta condición a maiores pode verse na primeira páxina da resolución provisional. Evidentemente, a AIC denuncia este tipo de prácticas consistentes en incluír a posteriori criterios excluíntes non fixados na convocatoria, deixando fóra do proceso a máis de 60 persoas de golpe. Cremos que é especialmente desleal coa xente que presentou as súa solicitude en tempo, forma e describindo con esmero un plan de traballo que non foi, nin sequera, lido.
  • O Xerente sinala que o “efecto do erro cometido é de só unhas poucas décimas” na puntuación e que “só afecta a cinco candidaturas concretas”. Esta información é, canto menos, enganosa por varios motivos. O erro non afecta a cinco persoas; simplemente, son cinco persoas as que ingresarían como novas beneficiarias. Non obstante, o Xerente está a ignorar, de xeito consciente ou inconsciente, todos os cambios que se derivarían na lista de agarda en caso de aplicar a fórmula correcta. A maiores, está a ignorar os efectos do corte arbitrario de 55 puntos xa mencionado o cal, aínda en caso de ser admisible (que non o é), debería de ser reconsiderado para as solicitantes que coa fórmula errónea non o acadasen, pero coa aplicación correcta si o fixesen. Estas posicións na lista de agarda son relevantes pois, dada a demora acumulada pola USC na convocatoria, rapidamente se sucederían os movementos nela ao irse resolvendo e asinando os contratos predoutorais asociados aos programas FPU, FPI e da Xunta de Galicia. Hai, entón, moito máis ca cinco persoas afectadas pola problemática descrita. En calquera caso, consideramos que supón unha actitude de tremendo desprezo cara esas persoas procurar minimizar o escándalo afirmando que “só son cinco”. O efecto das poucas décimas é tamén falso e pode ser desmontado cunha mínima argumentación matemática que, en aras de non estender en demasía a nosa resposta, remitimos á nota de prensa publicada na web da AIC. Como exemplos concretos do tamaño dos efectos, a AIC facilitou o contacto de dúas persoas afectadas que subirían 31 e 34 postos na lista de concesión coa aplicación correcta da fórmula (tras gañar 6 puntos, aproximadamente, e non “décimas”) por se quere recoller a súa versión dos feitos.
  • Xabier Ferreira afirma que “non se produciu ningún erro matemático no cálculo, os resultados son correctos e seguen ese baremo, que é igual de lícito. O persoal técnico avaliouno, fixo as ponderacións e deu os resultados”. De novo, o Xerente esquece que a convocatoria propia recolle no seu artigo 16 unha redacción referente ao mecanismo de homoxeneización. Como pode comprobarse, esta redacción é idéntica á dada no artigo 21 da convocatoria FPU do Ministerio de Universidades. O Xerente esquece tamén a intervención do Vicerreitor de Política Científica no último Consello de Goberno da Universidade do 29 de xuño na cal el mesmo se atopaba presente. Alí, tras as advertencias dunha compañeira da AIC que foron ignoradas, o Vicerreitor limitárase a confirmar, unha vez máis, que a fórmula empregada era a das FPU e que, de detectarse algún erro no momento de publicar as puntuacións desagregadas, se notificase. Iso fixo a AIC, obtendo por resposta o silencio da USC. Non existe ningún tipo de dúbida que o mecanismo que se quería aplicar, que non se aplicou e que debeu aplicarse, era o das FPU.
  • En ningún momento a AIC sostivo que houbese un criterio político tras a problemática na resolución da convocatoria, mais si unha actitude imprudente de ignorar o problema; actitude que é a que nos ten levado ata aquí. O Xerente segue a actuar neste sentido, vertendo afirmacións probadas como falsas e afirmando que o erro non é tal, cuestión totalmente desmontada nesta réplica. A AIC simplemente expuxo un erro matemático patente e seguirá a facelo. Ademais, a AIC invita aos medios a contrastar con calquera fonte matemática independente que estime oportuna os efectos da fórmula errónea introducida pola USC e a da FPU, que debeu ser a introducida, pois, como xa sinalamos na web da AIC, a primeira ten o efecto cualitativo de penalizar os expedientes de carreiras onde a media da titulación é baixa, actuando dun xeito totalmente contrario a unha homoxeneización. De feito, coa fórmula utilizada a nota persoal do expediente conta soamente un terzo do total dese baremo, tendo máis relevancia a media do grao da USC e a media ISCED, que supoñen os dous terzos restantes.
  • Finalmente, o Xerente afirma que “o obxectivo era facilitar a contratación en áreas nas que habitualmente temos unha maior dificultade para captar xente”. Porén, este aspecto foi valorado noutro criterio, e en absoluto ten que ver co erro matemático cometido na valoración do expediente.

En consecuencia a todo o anterior, a AIC esixe á Universidade de Santiago de Compostela unha rectificación pola información, a todas luces, falsa difundida polo xerente da entidade.

206 estudantes de doutoramento prexudicadas pola neglixencia da Universidade de Santiago de Compostela

A asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) denuncia o silencio do equipo reitoral da USC tras un escándalo na convocatoria de contratos predoutorais da universidade, na que se ponderan de maneira incorrecta as medias das solicitantes. O erro penaliza o bo expediente dalgunhas candidatas, levando á baixa as puntuacións.

Máis de dúas centas estudantes de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela estanse a ver afectadas por un erro de cálculo na puntuación das súas candidaturas para os contratos predoutorais propios da universidade compostelá que se financian a través do Banco Santander. A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) denuncia publicamente o comportamento irresponsable por parte do equipo reitoral da USC, que non atendeu ás sucesivas reclamacións avisando do erro.

A USC lanzou unha convocatoria de 22 contratos predoutorais financiados a través do Banco Santander o 29 de decembro de 2021 en formato de concorrencia competitiva na cal foron admitidas 206 persoas. Dende o primeiro momento o procedemento sufriu múltiples retrasos e erros que adiaron a data da publicación da resolución provisional ata o día 21 de xuño, a cal foi asinada polo Vicerreitor de Política Científica. Entre outras cuestións, a devandita resolución provisional aplicou criterios excluíntes que non figuraban no texto orixinal da convocatoria coma desestimar directamente as solicitudes que non chegasen a certo limiar de puntuación na suma de dous epígrafes, evitando así avaliar os plans de traballo de máis de 60 persoas solicitantes. Paralelamente, de xeito case inmediato e grazas á notificación por parte de persoas afectadas, a AIC detectou que se cometera un erro matemático no cálculo dos puntos no epígrafe de méritos xerais (40% da puntuación final), que se calcula exclusivamente en base aos expedientes académicos das persoas candidatas. O erro en cuestión, que afecta a todas as candidatas, consiste en ponderar de modo incorrecto a nota media da persoa solicitante coa nota media da titulación e a denominada nota media ISCED; mecanismo de correción extraído da convocatoria FPU. Esta equivocación é especialmente grave, pois ten o efecto de penalizar á xente cun bo expediente en carreiras onde a nota media é baixa e ter un efecto cualitativo contrario ao que expoñen as bases da convocatoria. Por concretar a situación a través dun exemplo hipotético: unha persoa cun expediente de 10 nunha carreira onde a media do alumnado é de 5 e media ISCED de 6 recibiría erroneamente un 7; mentres unha persoa con expediente de 5 nunha carreira onde a media de titulación e ISCED son de 9,5 recibiría erroneamente un 8. Como consecuencia, a orde das candidatas na resolución provisional, tanto na lista de beneficiarias coma na lista de agarda, viuse completamente modificada respecto da que resultaría da aplicación correcta do criterio, contradicindo así a redacción da convocatoria e desvirtuando os principios de igualdade e obxectividade no proceso de concorrencia competitiva.

O erro foi inmediatamente posto de manifesto, xa o día 22, a través dun correo tanto á Xerencia como á Vicerreitoría de Política Científica, mais ambas mensaxes foron ignoradas. En consecuencia, o día 24 solicitouse por vía de transparencia cal era a “expresión alxébrica introducida no programa informático” para o cálculo da puntuación; cuestión requerida a través de dúas solicitudes que foron ambas desoídas. A maiores, no Consello de Goberno do día 29 de xuño, unha representante da AIC puxo o erro en coñecemento público e foi, novamente, ignorada, estando presentes unha ampla parte dos altos cargos da universidade e, entre eles, o propio reitor. Enviouse un segundo correo o 1 de xullo, pregando que se respondese á petición de transparencia e que non se publicase unha resolución definitiva ata que se puidese identificar a razón do erro, para evitar maiores problemas. Este correo foi novamente ignorado e o día 7 publicouse a resolución definitiva, asinada polo reitor da universidade, xunto cun anexo de desagregado das puntuacións, o cal permitiu coñecer, finalmente, a natureza matemática do erro. O mesmo día 8, a Vicerreitoría de Política Científica e a Xerencia recibiron ás 8 da mañá un correo explicando por que a fórmula implementada era incorrecta e cal se debería ter introducido. Desde ese intre, e de xeito infructuoso, a AIC procurou comunicarse formalmente coa Vicerreitoría con tres correos nos cales se solicitaba unha xuntanza: ningún deles foi respondido. A maiores, o 14 de xullo, o reitor asinou a resolución definitiva doutra convocatoria, neste caso de “contratos predoutorais do Campus Terra”, na cal se comete exactamente o mesmo erro ca na convocatoria antes mencionada, a pesar de estar o erro advertido dende fai semanas e totalmente descrito pormenorizadamente no correo do día 8.

Dende a Asemblea consideramos o sucedido como un escándalo maiúsculo sen comparación na historia recente da USC, no cal se pon de manifesto unha atitude de total imprudencia e pasotismo por parte do goberno da universidade, inacción que derivou na publicación de dúas resolucións definitivas a todas luces incorrectas para dúas convocatorias distintas, a pesar das múltiples advertencias. Entendemos que, ante o escenario actual, a única saída posible pasa por que se recoñeza publicamente tanto o erro como a desatención que sufriu a denuncia da problemática ata o momento. Cómpre, ademais, unha proposta de solución que teña en conta o cálculo correcto das puntuacións e preserve todos os dereitos das persoas afectadas por esta actuación irresponsable.

Convocatoria Asemblea Extraordinaria

Data: 14 de xullo de 2022
Lugar: Facultade de Historia

A orde do día será a seguinte:

  1. Aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Informe da actividade recente:
    • Convocatoria propia de contratos predoutorais.
    • Docencia no doutoramento industrial
    • Pago da matrícula de doutoramento en febreiro
    • Axudas para viaxes de investigación (congresos)
    • Organización de charlas
  3. Outros asuntos en proceso.
  4. Renovación da Xunta Directiva.
  5. Renovación da Coordinadora.
  6. Propostas, rogos e preguntas.

Animádevos a vir e así compartir este espazo todas as compañeiras de AIC xuntas, para poder coñecernos e falar dos temas nos que xa se está a traballar e tamén de novas ideas e problemáticas que estean a pasar.

Se algunha persoa non pode acudir e quere tratar algún tema ou que se comente algunha cuestión en concreto, non dubidedes en escribirnos. Moitas grazas de antemán!

Vitoria! As matriculadas nun programa de doutoramento no segundo semestre xa non terán que pagar o curso completo

Ata este curso, as persoas que se matriculaban nun programa de doutoramento no segundo semestre tiñan que pagar o custo completo da matrícula, sen ter en conta que só desfrutaban dos dereitos de calquera doutoranda unha parte do curso.

Esta inxustiza xa foi detectada pola AIC en xullo de 2020 e, ao levar ese tema á USC, escudáronse en que os prezos das matrículas no SUG veñen fixados por un decreto da Consellería de Universidade. Cando se publicou o borrador deste Decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2021/22, decidimos enviar unha suxestión pedindo que se contemplase unha redución da titoría anual de doutoramento proporcional ao tempo de matrícula nos estudos de doutoramento. Esta suxestión foi denegada pola Xunta e publicouse o decreto sen este cambio.

Ante esta negativa, puxémonos en contacto coa Valedora do Pobo. Finalmente, a Valedora informounos de que a Xunta accede a que, no novo decreto para o curso 22/23, se contemple unha redución do 50% sobre o prezo da titoría anual nas matrículas en programas de doutoramento realizadas no segundo semestre.

Unha vez máis, a loita conxunta vese traducida nunha vitoria para todas!

A AIC reproba o incumprimento dos prazos na resolución dos contratos predoutorais propios da USC

Unha das causas da precariedade na carreira investigadora ten a súa orixe no incumprimento dos prazos na adxudicación de contratos de investigación por parte das institucións. Moitas investigadoras están pendentes de convocatorias como esta para organizar a súa vida persoal e laboral. Este desleixo leva consigo, por exemplo, que as investigadoras intercalen períodos de tempo sen remuneración polo seu traballo ou situacións de estrés e incerteza innecesarias.

En marzo de 2021, grazas á labor do GdT de Axudas e de Claustrais da AIC conseguiamos a demanda histórica de recuperar a convocatoria propia de contratos predoutorais. A pesar de que a convocatoria estaba pensada para ser convocada antes do verán, indicouse que por sobrecarga dos servizos sería publicada en outubro e a sinatura de contratos en febreiro. A convocatoria non saíu publicada ata o 29 de decembro de 2021. Por aquel entón a web da convocatoria fixaba a resolución o 1 de marzo de 2022. Un día despois da data de resolución prevista, a USC atrasou a resolución ata o 1 de abril. Novamente manifestamos o noso malestar por outro retraso máis. Así mesmo, a conformación do tribunal aínda non tivera lugar antes desa primeira data, publicándose finalmente o 8 de marzo. De novo, o 1 de abril, a USC adiou a resolución ao 21 dese mesmo mes, data coa que tampouco cumpriu.       

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela reprobamos o incumprimento reiterado dos prazos na resolución dos contratos predoutorais propios da USC. Así mesmo, instamos á USC para que a resolución destes contratos teña lugar na segunite data fixada, o 29 de abril, e dunha maneira transparente. Deixen de xogar coa vida e saúde mental das máis de 197 persoas que concursan por estes contratos.