A AIC rexeita o retraso na resolución dos contratos predoutorais propios da USC

A Asemblea de Investigadoras de Compostela mostra o seu rexeitamento ante o retraso na resolución dos contratos predoutorais propios da USC. Atendendo ao exposto na plataforma do Banco Santander, estes non serán resoltos ata o mes de abril, o cal implica un retraso respecto das datas acordadas e anunciadas polo Equipo de Goberno da Universidade.

A concreción desta convocatoria de contratos predoutorais está caracterizada por unha xestión imprevisible dos tempos. Con este retraso, as investigadoras predoutorais admitidas nos programas de doutoramento perderán un mes sen salario e gañarán un mes máis de incertidumes, como mínimo. A isto cabe sumarlle unha demorada constitución dos tribunais avaliadores, en datas mesmo posteriores ás previstas para a resolución da convocatoria.

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela continuaremos presionando para que a adxudicación destes contratos teña lugar o antes posible e dunha maneira transparente, dando cumprimento aos acordos do Claustro da USC case un ano e medio despois.

Explicamos a “PAGA EQUIPARACIÓN” da última nómina

O martes 15 ás 20.00 horas organizamos unha charla informativa por Teams onde explicaremos que é a “PAGA EQUIPARACIÓN” que algunhas de vós recibistes na vosa nómina de febreiro.

Poderás conectarte a través da seguinte ligazón: i.gal/equi.

A modo resumo, moita xente seguiu a finais de 2020 e durante o 2021 coas categorías antigas e non coas aprobadas no Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da USC. As novas categorías traian consigo de maneira xeral unha maior retribución salarial.

Na charla abordaremos cuestións como:

  • Que é este pago de equiparación?
  • A cantidade que me aboaron é correcta? Xa vos adiantamos que non.

E trataremos de resolver todas as dúbidas que poidades ter.

Tras o éxito nas eleccións, a loita #PorUnhaUSCDigna continúa!

O traballo e esforzo cotián das investigadoras organizadas viuse hoxe reflectido nas eleccións ao Claustro da USC. A Asemblea de Investigadoras de Compostela acadou de novo un resultado histórico obtendo nada menos que 16 claustrais, sendo unha das organizacións con maior influencia dentro do goberno da Universidade. 

Este resultado ten máis importancia se cabe nunhas eleccións nas que o equipo reitoral saíu claramente debilitado, tras un resultado desastroso entre o estudantado, PAS e persoal de proxectos. Os pobres resultados do novo equipo reitoral deben abrir unha reflexión no seu seo. Cómpre ter en conta os intereses dos sectores máis precarizados da Universidade á hora de desenvolver o goberno da mesma.

Pese a isto, somos moi conscientes de que representación institucional é apenas unha parte do proceso democrático. É por iso que o noso traballo se estende máis aló do plano institucional. En cada mobilización, en cada vez que nos axudamos entre todas para mellorar as nosas condicións de vida, en cada batalla contra a precariedade e en cada sentenza xudicial na que recuperamos un dereito arrebatado, construímos unha USC máis digna.

Nas facultades, nos centros, na rúa, sigamos unidas para loitar #PorUnhaInvestigaciónDemocrática e unha USC Digna!

Asemblea Aberta! A que problemas te enfrontas como investigadora?

O pasado 7 de febreiro o persoal investigador e técnico demos un exemplo de dignidade saíndo á rúa contra a precariedade. Cada vez somos máis as que nos unimos na defensa dos nosos dereitos e para asegurar unha investigación digna e democrática.

Tamén somos cada vez máis as que sabemos que, sen organización, as ideas van perdendo eficacia tras un primeiro impulso. É por iso que desde a AIC convocamos a todo o persoal de investigación de Compostela a celebrar unha Asemblea Aberta mañá mércores 16 de febreiro ás 19.30h na Aula 5 da Facultade de Historia.

Para discutirmos entre todas cales son as principais problemáticas que aínda nos afectan. Para trazar en común os próximos chanzos que a AIC debe escalar. Para dar continuidade a un movemento capaz de conquistar unha Universidade Digna.

Vémonos mércores ás 19:30h na Aula 5 de Historia.

Acude e difunde!

O que non che contaron das novas Axudas Predoutorais da Xunta (edición 2022)

Luns 7 de febreiro ás 19:30 horas na aula 5 da Facultade de Matemáticas.

Unha das principais opcións que temos as investigadoras predoutorais para conseguir financiamento nos inicios da nosa carreira investigadora en Galicia é optar ás axudas predoutorais da Xunta de Galicia, que este ano chegan cargadas de novidades.

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela organizamos unha xuntanza informativa que terá lugar o vindeiro luns día 7 de febreiro ás 19:30 horas na aula 5 da Facultade de Matemáticas. Destriparemos convosco a convocatoria deste ano e trataremos de dar resposta ás cuestións que nos formuledes:

  • Cales son as novidades desta convocatoria?
  • Como funcionan os procedementos de solicitude?
  • Como son os procesos de avaliación?
  • Cantos e como son os anos de contrato?
  • Como e cando podo irme de estadía?
  • E outras dúbidas que teñades!

Se estades pensando en pedilas, non vola perdades!