Arquivos da etiqueta: salario mínimo

Manifesto Concentración 28F

A Universidade de Santiago de Compostela, como tantas outras universidades do sistema español, leva anos sufrindo precariedade e recortes que repercuten negativamente non só nos dereitos laborais das persoas empregadas na universidade, senón tamén na calidade da  investigación e da docencia impartidas. Hoxe estamos aquí para reivindicar os nosos dereitos como traballadoras da USC, pero non só para iso; e dende logo non só por iso. Queremos defender unha universidade digna, unha universidade da que nos poidamos sentir orgullosas e que garanta de xeito real as condicións mínimas que os seus membros precisan para poder desenvolver unha investigación de calidade e que contribúa ao progreso da nosa sociedade. Por iso mesmo hoxe nos concentramos diante do Reitorado baixo o lema #PorUnhaUSCDigna.

O equipo de goberno non é alleo a esta situación. O Reitor Antonio López, no seu discurso no acto de apertura do curso 2018/2019, xa dixera que consideraba “da máxima relevancia e urxencia avanzar na regulación e mellora das condicións laborais do importantísimo número de traballadores contratados con cargo ao capítulo VI para atender necesidades de investigación (arredor de 1000 persoas)”. Nese sentido, tamén o Xerente, Javier Ferreira, recoñecera nunha entrevista publicada o 20 de xullo de 2018 “ter 900 persoas contratadas con cargo a proxectos de forma precaria”. Pero non só as persoas contratadas con cargo a proxectos sofren esta situación de precariedade laboral, senón que outra gran parte do persoal investigador contratado na USC se atopa actualmente sumido na mesma inxusta e indigna circunstancia.

O certo é que dende o 2016 en adiante, na USC agravouse notablemente a discriminación laboral. O 2016 foi o ano no que a USC subiu un 1% o salario a parte do seu persoal contratado de acordo ás subas salariais para empregados públicos que estaban contempladas nos orzamentos da Xunta. A este 1% sumouse outro 1% no 2017, un 1,75% no 2018 e un 2,25% no 2019. A USC deixou fóra destes incrementos salariais a parte do persoal contratado con cargo a actividades de I+D+i, en concreto, a algunhas das persoas que entraban como contratadas na USC a través de convocatorias públicas. Así é que se dan situacións tan inicuas como que, por exemplo, unha investigadora en formación contratada con financiamento do Ministerio (FPU/FPI) estea a percibir en 2019 1.006,76 € anuais menos que o salario mínimo que establece a propia Universidade para esa categoría laboral.

Pero o 2016 foi un ano negro para a investigación universitaria pública en Santiago de Compostela tamén por outro motivo: foi o ano no que a USC deixou de pagar, a algunhas persoas contratadas a cargo de convocatorias públicas, a indemnización por extinción de contrato da que antes si se facía cargo. Un dereito básico recollido no Estatuto dos Traballadores e ao que en ningún caso podemos renunciar.

A escusa dada pola USC en múltiples ocasións é que non dispón de fondos para complementar o salario que establecen como mínimo as bases de cada convocatoria. Porén, grazas aos datos proporcionados pola Secretaría Xeral de Universidades respecto ao Plan Galego de Financiamento Universitario, puidemos coñecer que, no referente ao ingresos que a USC recibe da Xunta por captación de talento investigador predoutoral, só no ano 2017 a nosa universidade ingresara máis de 1.3 millóns de euros. 1.3 millóns de euros extra, xerados pola captación desas investigadoras e deses investigadores predoutorais aos que, de maneira simultánea e paralela, se lles está a negar as subas salariais ás que teñen dereito debido a unha suposta falta de cartos. Coñecidos estes datos, vai continuar o equipo de goberno privándonos dos nosos dereitos?

Non podemos permitirnos o luxo de calar ante a presente inxustiza. Porque non é decente que unha universidade que presume de excelencia na investigación e no trato ás súas investigadoras e investigadores sexa a responsable da situación que hoxe denunciamos. Porque, como sociedade que aposta polo progreso e o coñecemento, non podemos tolerar que a universidade, máxima responsable de levar a bo porto estas aspiracións, sexa a primeira en poñerlles atrancos tratando inxustamente ao seu persoal investigador. Por todo isto:

Denunciamos a situación de precariedade que se está a vivir na Universidade de Santiago de Compostela.
Denunciamos en particular a discriminación laboral que sofre o persoal contratado mediante convocatorias públicas con cargo a actividades de I+D+i.
Así como tamén denunciamos a inacción e falta de vontade do Equipo de Goberno para acabar con esta situación de vulneración dos dereitos laborais de parte do colectivo investigador.

Denunciamos, si, pero tamén esiximos unha serie de reclamacións, porque existe a posibilidade de dar solución inmediata á discriminación á que se vén sometendo a parte do persoal investigador dende 2016 en adiante. Así:

Esiximos a aplicación dos salarios mínimos que fixa a normativa.
Esiximos a aplicación das subas salariais a todas as traballadoras por igual.
Esiximos ter garantido o dereito á indemnización por extinción de contrato, igual que as demais persoas con contrato temporal.

Hoxe estamos aquí reunidas moitas persoas de colectivos diversos pero que teñen algo en común: facer parte da comunidade universitaria da USC. A razón desta unión é moi sinxela, pero á vez de moito calado: se estamos aquí é porque todas e todos nós cremos firmemente que merecemos traballar e estudar nunha universidade máis xusta, máis transparente, máis igualitaria, máis responsable. Pedir #PorUnhaUSCDigna non é pedir por unha quimera, é poñer sobre a mesa unha realidade que permanecera silenciada por diversas causas, como poden ser a desidia, o medo, ou mesmo a ignorancia dos feitos que se ocultaban. Pero a verdade é a máis forte aliada á hora de crear un mundo mellor e máis digno, e é por iso mesmo que a verdade sempre acaba saíndo á luz. Se estamos aquí reunidas todas estas persoas é porque sabemos que un modelo universitario diferente é tan necesario como factible. Non ignoramos, xa que logo, que cando todas as pezas dun mecanismo funcionan como é debido, o sistema por completo marcha na boa dirección. Así pois, pedimos ao equipo de goberno da nosa universidade que asuma a súa responsabilidade nas melloras que lle competen e que, como tamén sabemos e demostramos, están da súa man. Porque queremos, para nós e para todas, unha USC digna.

Novos salarios mínimos e novo horario

A USC vén de publicar a nova táboa de retribucións MÍNIMAS para o ano 2019. Coa nova subida do 2.25% acentúase a discriminación sufrida polas persoas investigadoras a cargo de convocatorias públicas, as únicas que non cobran estas subidas de aplicación a toda a Universidade.
Ano Subida Salario anual inv. en formación Diferencia cun salario FPU/FPI
2015 0% 16.422,00 € 0,00 €
2016 1% 16.586,22 € 164,22 €
2017 1% 16.752,08 € 330,08 €
2018 1.75% 17.045,24 € 623,24 €
2019 2.25% 17.428,76 € 1.006,76 €
Por poñer un exemplo, unha investigadora en formación contratada con financiamento do Ministerio (FPU/FPI) estará percibindo a partir de 2019 1.006,76€ menos que o salario mínimo que establece a propia Universidade. Por poñer outro exemplo, un investigador predoutoral contratado Xunta modalidade A ao que lle aplicaran as subidas salariais destes últimos anos pasaría dun salario anual de 18.970€ a 20.132€, e no caso da modalidade B de 16.548€ a 17.562€. Como xa sabedes, dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) estamos mantendo reunións cos diferentes sindicatos e a propia Xerencia para tentar solventar dita situación. Precisamos ser máis para ter máis forza. Anima aos e ás túas compañeiras a unirse á AIC. 👉 Por outra banda o Xerente facía público en decembro o acordo para a recuperación da xornada laboral a tempo completo de 35 h. semanais, a que tiñamos antes de que as subiran ás 37,5 h. que viñan sendo até agora. O acordo recollía que sería de aplicación a partir do 2 de xaneiro de 2019, se ben aínda seguimos agardando a que publiquen unha instrución onde se recolla expresamente. EDITADO [31/01/2019]: Instrución I/2019 da Xerencia sobre a aplicación da xornada de 35 horas