Investigar é unha cuestión de xénero?

É habitual que o número de alumnas matriculadas en titulacións universitarias sexa maior que o de alumnos, mais conforme avanza a carreira académica o número de mulleres redúcese paulatinamente en relación co número dos seus compañeiros, ata chegar ao mínimo na figura de catedrática. Este fenómeno coñécese co nome de teito de cristal. Como pode verse na imaxe, na Universidade de Santiago de Compostela, menos do 25% das persoas que ocupan unha cátedra en 2015 eran mulleres.

Unha das causas máis relevantes do abandono da carreira investigadora por parte das mulleres é a ausencia de medidas que contemplen a conciliación entre a vida laboral e persoal. Por poñer un exemplo: actualmente, as investigadoras galegas seguen a ser discriminadas nas convocatorias de I+D+i que dependen da Xunta de Galicia, onde non se contemplan supostos de interrupción por embarazo, FIV ou adopción; nin se adecúan as avaliacións científicas subseguintes a este tipo de situacións.

A falta de medidas e políticas eficaces en materia de igualdade, xénero e conciliación; xunto coas discriminacións ás que se atopan sometidas por parte dos poderes públicos, dificultan o seu avance na carreira investigadora. Isto fai que, co tempo, moitas mulleres acaben por afastarse da investigación, producindo precisamente ese fenómeno de diminución da porcentaxe de mulleres nos estadios máis avanzados da traxectoria académica.

É por iso que desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela reivindicamos a democratización do acceso á investigación por cuestión de xénero e declaramos que:

  1. Ningunha investigadora debería ser penalizada tras un permiso de maternidade.
  2. A investigación e a maternidade non poden ser excluíntes.
  3. A investigación non é unha cuestión de xénero.