Que se investiga?

Unha das manifestacións máis evidentes da precariedade na investigación atopámola na progresiva marxinación de certas ramas de coñecemento. A través das convocatorias de axudas pre- e posdoutorais e de infinidade de iniciativas públicas de financiamento, as liñas de traballo que presentan menores posibilidades de aplicación mercantil son sistematicamente deixadas de lado, privándoas de oportunidades.

Non se trata dunha discriminación entre “ciencias e letras”, senón que estamos ante un fenómeno que afecta ao conxunto de disciplinas científicas. Pode entenderse que unha empresa privada elixa destinar os seus fondos adicados a I+D a liñas de investigación das que espera obter unha certa rendibilidade. Ao fin, tal é o despotismo característico dun sistema económico como o actual. O que resulta absolutamente ilóxico é que o sector público e as propias universidades remen na mesma dirección, sometendo á investigación a unha tiranía absolutamente allea ao coñecemento.

A investigación constitúe unha actividade desinteresada, no sentido de que esta se debe unicamente á procura de novas verdades con independencia de calquera outro tipo de conveniencias. A validez científica de calquera enunciado, xa sexa en física, química, historia, economía ou lingüística; non depende de que beneficie ou prexudique a determinados grupos sociais, senón a criterios académicos establecidos polas propias disciplinas que se estudan.

Agora ben, pese a este carácter desligado dos intereses materiais da ciencia en si, sabemos que a mesma ciencia ten lugar en contextos sociais e materiais ben determinados. Non pode haber avances sen medios de traballo axeitados (despachos, laboratorios, fondos bibliográficos ou ordenadores) e, sobre todo, sen persoas con contratos dignos que poidan concentrarse unicamente no labor de investigar. É por iso que consideramos a intromisión de intereses alleos á ciencia, especificamente os intereses empresariais, como un grave obstáculo para unha investigación democrática; en tanto que supón a imposición do criterio dunha minoría social na decisión sobre en que coñecementos paga a pena afondar e cales cómpre deixar de lado. Os intereses das empresas non poden decidir se unha investigación recibe ou non o financiamento necesario para o seu desenvolvemento

É por iso que desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela apostamos por democratizar a investigación esixindo: 

  1. A inclusión de criterios de avaliación académicos e científicos á hora de distribuír as axudas para a contratación de persoal pre e pos doutoral a nivel estatal, galego e, de ser o caso, nas axudas propias das USC.
  2. Unha maior equidade na distribución das axudas entre ámbitos da investigación, asegurando o acceso para todas as grandes áreas de coñecemento en calquera convocatoria que se realice.  
  3. A retirada de criterios empresariais á hora da concesión de axudas para proxectos de investigación e, de non ser o caso, o establecemento por parte das institucións competentes de mecanismos financeiros de corrección baseados en criterios científicos.