A Asemblea de Investigadoras de Compostela asume o reto de presentarse ás eleccións da USC

Os colectivos máis precarizados da universidade concorren ás eleccións da USC nunha fronte común para democratizar a investigación

  • Unha institución con vontade de resolución de problemas sociais mediante a ciencia excelente ten que garantir os dereitos laborais das súas investigadoras.
  • Na actualidade só unha de cada cinco investigadoras predoutorais ve remunerado o seu traballo na USC.
  • Na USC estase xestionando a actividade investigadora en detrimento da maioría das investigadoras e do propio coñecemento.

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) concorre ás eleccións da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para rematar coa falta de democracia na investigación. Esta eiva democrática maniféstase en diferentes eixos: primeiro, na non democratización do “que” se investiga, en tanto que se atopa subxugado a intereses mercantís. Segundo, na non democratización do “quen“, en tanto que o acceso á investigación está condicionado por cuestións materiais e de xénero. Terceiro, na non democratización do “como” se goberna a investigación, en tanto que a democracia non pasa dun plano formal, estando lonxe dunha democracia real.

Traballo non remunerado, horas extra non recoñecidas, contratos intermitentes, carencia de materiais e medios para realizar a súa actividade, penalización nas convocatorias públicas polos permisos de maternidade… Estes son algúns dos exemplos da precariedade que padecen as traballadoras no seu día a día na carreira investigadora.

Para facer fronte a estas e outras inxustizas, naceu en 2017 a Asemblea de Investigadoras de Compostela. A AIC é un espazo de encontro e debate sobre as diferentes problemáticas que afectan ao colectivo investigador da USC. Ten como obxectivo principal defender e loitar polos dereitos e aspiracións dunha carreira profesional digna das investigadoras (persoal investigador, técnico e de xestión) exista ou non un vínculo laboral e/ou remuneración. Diante da convocatoria electoral a distintos órganos de goberno da USC a finais deste mes de abril, a AIC reivindica que unha institución con vocación á resolución de problemas sociais mediante a ciencia excelente ten que asegurar que o persoal das primeiras etapas da carreira investigadora teña garantidos os seus dereitos laborais e velar por asegurarlles unhas condicións de vida mínimas.

Na actualidade, de cada cinco investigadoras predoutorais na USC, só unha recibe remuneración polo seu traballo; e só unha de cada dez investigadoras predoutorais goza dun contrato de máis de tres anos de duración. A maioría de investigadoras, tanto predoutorais como posdoutorais, levan a cabo a súa actividade encadeando contratos temporais precarios con períodos de actividade non remunerada, ou con traballos noutros sectores, para poder custear a súa investigación. A inestabilidade laboral acentúase no caso das profesionais que traballan en temas que non son obxecto dunha mercantilización lucrativa a curto prazo. Á xa precaria situación do colectivo, hai que engadir a discriminación por cuestión de xénero que padecen as investigadoras na súa carreira. 

Dende as institucións e os organismos públicos non se está a gobernar a investigación para arranxar esta situación, senón todo o contrario: estase xestionando a actividade investigadora en detrimento da maioría das investigadoras e do propio coñecemento. Son precisamente aqueles sectores máis favorecidos polo interese do mercado os que ostentan as principais posicións de poder dentro da universidade, restrinxindo as posibilidades dunha ciencia independente. Ademais, non existe unha vontade por parte da universidade de defender, perante os poderes públicos, a necesidade de atender as propostas destes colectivos no tocante ás distintas convocatorias de axudas, estatutos ou leis que afectan ao colectivo investigador.

Dende a súa orixe, a AIC acadou importantes vitorias na defensa dunha carreira investigadora estable, digna e previsible. Agora, denuncia as carencias democráticas do actual sistema de investigación e concorre ás eleccións na USC para continuar mellorando as cousas baixo o lema #PorUnhaInvestigaciónDemocrática