Como gobernamos a investigación?

Democratizar a investigación pasa, sen lugar a dúbidas, por mellorar as ferramentas das que dispoñemos as persoas que investigamos para poder intervir na dirección da política científica das institucións ás que pertencemos. A Universidade de Santiago de Compostela presenta severos déficits democráticos que transcenden con moito ao persoal investigador. Os sectores máis precarios da universidade son tamén os máis precariamente representados nos órganos de goberno da USC. A falta de democracia material aparece sempre asociada á falta de democracia no plano formal. Somos conscientes de que, nun sistema de goberno estamental como o que rexe na nosa universidade, a existencia de contrapesos institucionais resulta clave para evitar que, en situacións de crise, sexan sempre os mesmos colectivos os que asuman os maiores custos

O persoal investigador que está nas primeiras etapas da súa carreira, sexa pre- ou posdoutoral, arrastra as consecuencias dun deficiente encadramento dentro das estruturas de goberno da USC. A nosa división entre os sectores II (restantes categorías de PDI) e III (estudantado) no Claustro Universitario dificulta tremendamente a nosa presencia nos principais órganos da universidade, nomeadamente no Consello de Goberno e no Consello Social. A isto cabe sumar a ausencia case absoluta de espazos para o diálogo entre o equipo de goberno e as asociacións de investigadoras. Estas eivas na nosa representación minan sistematicamente a nosa capacidade para participar da política universitaria. Ademais, o escaso peso que o persoal investigador ten dentro da estrutura da USC leva a que, en caso de dúbida, as nosas necesidades máis básicas sexan desatendidas en favor doutros estamentos que gozan dunha posición máis acomodada. 

É por iso que desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela apostamos por democratizar o papel que a investigación de base ten nas estruturas da USC, esixindo:

  1. A inclusión do conxunto do persoal investigador predoutoral no sector II, aumentando en consecuencia o seu peso no Claustro Universitario.
  2. Establecer mecanismos que faciliten a presencia de cando menos un representante deste persoal investigador dentro do Consello de Goberno.
  3. A conformación dunha mesa de diálogo entre as asociacións de investigadoras con representación no Claustro e no Consello de Dirección da EDIUS e o equipo de goberno da USC; desempeñando esta sempre un papel complementario respecto das diferentes mesas de negociación sindical. 

Desde a AIC entendemos que a representación institucional é apenas unha parte do proceso democrático. A plena democratización da vida universitaria, no referido ás investigadoras e a todos os sectores que conformamos esta comunidade, só pode vir da man dos procesos de participación. É por iso que a nosa loita se estende máis alá do plano institucional. En cada mobilización, cada vez que nos axudamos entre todas para mellorar as nosas condicións de vida e en cada batalla contra a precariedade; construímos a verdadeira democracia.