Tras máis de dous anos de reclamacións e demandas xudiciais gañadas, o persoal investigador consegue que se cumpra o convenio colectivo
Hai xa máis de dous anos que, baixo o lema #PorUnhaUSCDigna, a AIC decidiu reclamar diversos dereitos para o persoal investigador. Algúns deles, como a indemnización por finalización de contrato, estaban recoñecidos anteriormente pola propia USC e foran inxustamente arrebatados. O pago dos complementos por antigüidade (trienios) é unha demanda histórica da AIC que, por fin, vai ser recoñecida: toda traballadora predoutoral, posdoutoral ou contratada a cargo dun proxecto na USC percibirá un complemento salarial por cada período de 3 anos de contrato. O acordo é froito do longo traballo desenvolvido durante estes 2 anos e que desencadearon protestas colectivas e demandas xudiciais ante a falta de vontade do equipo de goberno para poñer solucións enriba da mesa.
Mais na AIC valoramos o esforzo final do equipo de goberno para chegar a unha posición de consenso, sen esquecer que estabamos a falar dun dereito recoñecido no convenio colectivo e que o seu incumprimento supuña un trato desigual, precisamente, dos colectivos máis precarizados. A dignidade non se negocia e, neste caso, o seu recoñecemento chega tarde. Tampouco queremos esquecer que, a pesar do episodio final de negociación, foron as circunstancias destes dous anos, e non a vontade do equipo de goberno, as que posibilitaron o diálogo. Resultaría imposible ter visto á Xerencia da USC sentada nunha mesa desta índole sen a primeira sentenza gañada, sen as numerosas demandas individuais presentadas, e sen a forza que otorgou cada unha de vós a todos os sindicatos e asociacións que defendían este dereito. Grazas por asistir a cada protesta, por difundir cada comunicado e por traballar en prol dunha USC máis digna.
É neste punto no cal temos que facer un especial recoñecemento a todas esas persoas que decidiron empregar parte do seu tempo e folgos para presentar demandas xudiciais contra a USC por esta cuestión. Énchenos de orgullo dicir que a primeira delas, o xermolo desta reclamación, partiu da nosa asociación e que hoxe en día compañeiras de Vigo e A Coruña seguen a nosa estela. Sen esa semente das demandas, resultaría imposible entender que a USC aceptase finalmente pagar os trienios. Neste sentido, tamén queremos agradecer aos sindicatos con representación na USC ter trasladado ás mesas de representación esta reclamación, en especial á sección sindical de CCOO, por transformala nunha folla de ruta de case 2 anos, culminada nunha demanda colectiva que acelerou a sinatura deste acordo.
A nivel técnico, podemos resumir o acordo en que a USC pagará trienios ao persoal predoutoral, posdoutoral e contratado con cargo a proxectos a partir do 1 de setembro. Non obstante, quen teña xa dereito a máis dun trienio, só percibirá inicialmente un deles. Ao longo de 2022 incorporarase o pago do segundo, en 2023 o terceiro, en 2024 o cuarto e o resto en 2025.
Con todo, cómpre coller esta información con pinzas ata que vexamos redactado e asinado o texto definitivo do acordo.
Por último, dende a AIC queremos salientar que, de novo, este acordo vén a incidir nunha cuestión de capital importancia: a investigación, en calquera das súas etapas, é un traballo e debe estar recoñecido como tal. A USC é a entidade contratante de todas estas persoas, independentemente de se os seus contratos están cofinanciados por outras entidades, e ten a obriga de asumir calquera custo ou pago adicional que supoña a formalización dos devanditos contratos, como ben recollen as propias convocatorias de axudas públicas.
Dende a AIC esperamos que este acordo sexa a base para o recoñecemento de todos os dereitos pendentes do persoal de investigación e, sobre todo, da plena aceptación de que as tarefas de investigación son traballos que deben ser recoñecidos e remunerados.