O martes 15 ás 20.00 horas organizamos unha charla informativa por Teams onde explicaremos que é a “PAGA EQUIPARACIÓN” que algunhas de vós recibistes na vosa nómina de febreiro.
Poderás conectarte a través da seguinte ligazón: i.gal/equi.
O traballo e esforzo cotián das investigadoras organizadas viuse hoxe reflectido nas eleccións ao Claustro da USC. A Asemblea de Investigadoras de Compostela acadou de novo un resultado histórico obtendo nada menos que 16 claustrais, sendo unha das organizacións con maior influencia dentro do goberno da Universidade.
Este resultado ten máis importancia se cabe nunhas eleccións nas que o equipo reitoral saíu claramente debilitado, tras un resultado desastroso entre o estudantado, PAS e persoal de proxectos. Os pobres resultados do novo equipo reitoral deben abrir unha reflexión no seu seo. Cómpre ter en conta os intereses dos sectores máis precarizados da Universidade á hora de desenvolver o goberno da mesma.
Pese a isto, somos moi conscientes de que representación institucional é apenas unha parte do proceso democrático. É por iso que o noso traballo se estende máis aló do plano institucional. En cada mobilización, en cada vez que nos axudamos entre todas para mellorar as nosas condicións de vida, en cada batalla contra a precariedade e en cada sentenza xudicial na que recuperamos un dereito arrebatado, construímos unha USC máis digna.
Nas facultades, nos centros, na rúa, sigamos unidas para loitar #PorUnhaInvestigaciónDemocrática e unha USC Digna!
O pasado 7 de febreiro o persoal investigador e técnico demos un exemplo de dignidade saíndo á rúa contra a precariedade. Cada vez somos máis as que nos unimos na defensa dos nosos dereitos e para asegurar unha investigación digna e democrática.
Tamén somos cada vez máis as que sabemos que, sen organización, as ideas van perdendo eficacia tras un primeiro impulso. É por iso que desde a AIC convocamos a todo o persoal de investigación de Compostela a celebrar unha Asemblea Aberta mañá mércores 16 de febreiro ás 19.30h na Aula 5 da Facultade de Historia.
Para discutirmos entre todas cales son as principais problemáticas que aínda nos afectan. Para trazar en común os próximos chanzos que a AIC debe escalar. Para dar continuidade a un movemento capaz de conquistar unha Universidade Digna.
Luns 7 de febreiro ás 19:30 horas na aula 5 da Facultade de Matemáticas.
Unha das principais opcións que temos as investigadoras predoutorais para conseguir financiamento nos inicios da nosa carreira investigadora en Galicia é optar ás axudas predoutorais da Xunta de Galicia, que este ano chegan cargadas de novidades.
Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela organizamos unha xuntanza informativa que terá lugar o vindeiro luns día 7 de febreiro ás 19:30 horas na aula 5 da Facultade de Matemáticas. Destriparemos convosco a convocatoria deste ano e trataremos de dar resposta ás cuestións que nos formuledes:
Cales son as novidades desta convocatoria?
Como funcionan os procedementos de solicitude?
Como son os procesos de avaliación?
Cantos e como son os anos de contrato?
Como e cando podo irme de estadía?
E outras dúbidas que teñades!
Se estades pensando en pedilas, non vola perdades!
Despois das mobilizacións anunciadas para o día 7 de febreiro e das presións exercidas polos sindicatos nas mesas de negociación, o Ministerio de Ciencia anuncia que a nova lei incluirá a indemnización para os contratos vixentes.
De cumprir este compromiso, estariamos de celebración 🎉 Sería un triunfo histórico que viría a demostrar que xuntas podemos conseguir cambios e melloras na investigación.
Pero non podemos cantar aínda vitoria ata velo escrito, non sería a primeira vez que o texto definitivo publicado no BOE aparece con “sorpresas”. Ademais, quedan moitas cousas por mellorar. Non podemos esquecernos de que seguimos sen un calendario de convocatorias estable, sen unha carreira investigadora digna, cunhas retribucións mínimas do EPIPF vergoñentas (a base de cotización é superior ao salario!), sen un Estatuto do Persoal da Investigación que regule os nosos dereitos como traballadoras…
Por todo isto, as CONCENTRACIÓNS DO 7 DE FEBREIRO seguen en pé. Queremos SAÍR A DEFENDER A INVESTIGACIÓN QUE NOS MERECEMOS.
Manifesto
Ante a discriminación indemnizadora e a falta de ambición do anteproxecto de lei de modificación da Lei 14/2011, o próximo 7 de febreiro de 2022 concentrarémonos en diferentes partes do Estado para mostrar o noso rexeitamento ao texto actual
Tras anos de traballo por parte de asociacións, colectivos e sindicatos do sector da investigación, o dereito á indemnización por fin de contrato para o colectivo investigador pre e posdoutoral recolleuse no anteproxecto de lei presentado o pasado 18 de xaneiro. Porén, este anteproxecto unicamente recoñecía este dereito aos contratos suscritos a partir da entrada en vigor da norma, deixando fóra a miles de investigadores e investigadoras en activo. Grazas á mobilización do colectivo investigador, segundo anunciou a Ministra nos días previos a este #7F, parece que esta discriminación será proximamente subsanada. Unha decisión que, a falta de coñecer con máis detalle o redactado definitivo do texto, denota certa sensibilidade e cremos que vai na boa dirección.
Dito isto, aínda que valoramos de forma positiva algúns dos avances que introduce este anteproxecto de lei respecto ao anterior borrador, consideramos que deixa outras cuestións de urxencia sen abordar, entre elas:
A elaboración dun Estatuto de Persoal da Investigación que regule os seus dereitos como traballadoras/es.
A modificación das retribucións mínimas no Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF).
O desenvolvemento da carreira profesional do persoal técnico e de xestión.
A integración de todo o persoal de investigación dentro dos convenios colectivos de referencia.
A reversión das externalizacións dos servizos básicos das universidades e centros de investigación (subcontratas), adoptando un modelo de contratación directa que garanta tanto o mantemento do seu persoal como o cumprimento dos dereitos laborais do mesmo.
A eliminación da taxa de reposición para que todo o sector poida crecer e estabilizarse.
O desenvolvemento dun marco claro de incorporación e carreira profesional de persoal de investigación (investigador, técnico e de xestión) no persoal do Sistema Nacional de Saúde.
A atención e protección aos colectivos máis vulnerables: mulleres, inmigrantes, LGTBIQ+, persoas con capacidades distintas e ás enfermidades mentais sobrevidas ante a precariedade, inseguridade laboral e/ou acoso.
A creación dunha Oficina de Integridade Científica estatal e independente con poderes sancionadores e vinculada á Oficina de Protección do Denunciante para protexer a súa identidade.
Por todo isto, as organizacións asinantes non aceptamos a redacción actual do anteproxecto e esiximos ao Ministerio de Ciencia que integre as reivindicacións previamente mencionadas que afectan o sector da I+D+i.
Ola! A páxina web da Asociación Asemblea de Investigadoras de Compostela emprega cookies só para fins estatísticos das visitas que recibimos así como para manexar a sesión de usuario.De acordoRexeitar cookies de terceiros