Todolos artigos de: Asemblea de Investigadoras de Compostela

Vitoria! A USC expedirá de novo os SETs das súas titulacións

O Suplemento Europeo ao Título (SET) é o documento trilingüe (galego, castelán e inglés) que acompaña ao título e que contén toda a información unificada, personalizada para cada titulada universitaria, sobre a titulación acadada: expediente académico, nota media, capacidades profesionais, nivel da súa titulación no sistema nacional de educación superior, etc.

A súa solicitude e expedición veñen reguladas polo RD 22/2015. Este Real Decreto establece que, unha vez o interesado solicite o título correspondente, as universidades deberán expedir xunto a este o Suplemento Europeo ao Título (SET). Sendo a primeira expedición de carácter gratuíto.

A Universidade de Santiago de Compostela levaba máis de 4 anos sen expedir este documento, polo que nos puxemos en contacto coa mesma para solicitar que o volvese a expedir. Tras moito esperar e despois de varias peticións formais vía rexistro, vímonos na obriga de acudir ao Valedor da Comunidade Universitaria, o cal vén de informarnos que a USC vai retomar a expedición dos SETs despois do verán.

O Xerente da USC nega dereitos laborais que manifesta defender

Xavier Ferreira apoia o programa electoral do BNG onde se recollen medidas para garantir dereitos laborais que as investigadoras lle levamos 2 anos esixindo á USC

Propostas referentes á Investigación do programa electoral do BNG

O profesor da USC, e tamén Xerente, Xavier Ferreira asina un manifesto pedindo o voto para o BNG onde se fala, entre outras cousas, de “transparencia e xestión democrática e transformadora que hoxe falta”.

Alén diso, que significa que Xavier Ferreira apoie ó BNG nestas eleccións de xullo de 2020? No programa electoral deste partido político podemos atopar varias propostas a favor dos dereitos laborais de todo o persoal investigador.

Que pena que o señor Ferreira non sexa o Xerente da USC e non teña as competencias en dereitos laborais das súas investigadoras…

Neste fío de Twitter repasamos as súas incongruencias.

Titulares sobre os dereitos laborais ata hoxe negados ás investigadoras da USC

A década perdida en investigación

As políticas en investigación da Xunta imposibilitan o
desenvolvemento de Galicia e condénana ao atraso económico

“En Galicia estase a maltratar e destruír o tecido investigador existente”, afirman desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela. Aseguran que as políticas da Xunta de Galicia na última década están a condenar a Galicia ao atraso económico. “A Crise de 2007 podería ter sido unha oportunidade para mudar o modelo produtivo de Galicia, para investir en investigación, mais tornou nun maior atraso científico e investigador que repercutirá na calidade de vida da sociedade galega”, engaden. Segundo o INE, o investimento en investigación en Galicia sufriu unha importante baixada na última década, situándose por debaixo do 1% do PIB.

Evolución da porcentaxe de investimento en investigación respecto ao PIB en Galicia e na Unión Europea entre 2008 e 2016.

“O investimento en investigación xera riqueza e melloras sociais, en tanto que supón unha fonte inesgotable de avances tecnolóxicos, médicos ou enerxéticos, pero tamén un piar indispensable para convivirmos de maneira máis xusta, igualitaria, crítica e sostible. O desdén da Xunta de Galicia na última década produciu todo o contrario a un modelo produtivo e de convivencia modernos”, apuntan desde o colectivo. Segundo datos de Eurostat, o sistema produtivo de Galicia especialízase esencialmente ao redor de actividades de contido tecnolóxico medio-baixo e pouco intensivas no emprego do coñecemento. “Este modelo leva ao noso país á máis absoluta precariedade laboral e vital, afectando a toda a poboación, pois ofrece ás grandes empresas un modelo baseado en salarios baixos e barra libre na explotación dos recursos naturais. Isto afecta con especial virulencia ás persoas novas e ás mulleres.” Desde o colectivo reflexionan sobre a necesidade de “mudar o sistema cara un modelo baseado no coñecemento, e non só na construción, turismo ou hostalaría, e apostar tamén pola creación de empregos de calidade, capaces de xerar retorno de cartos de maneira máis duradeira e sostible”.

A AIC tamén denuncia que “desde o goberno galego non se avanzou nada por corrixir a fenda de xénero na investigación en Galicia”. A porcentaxe de mulleres no colectivo investigador en Galicia diminuíu progresivamente na última década, sendo mulleres menos de 4 de cada 10 persoas investigadoras. As mulleres investigadoras “sofren un intricado sistema de opresións” desde o inicio das súas carreiras, que se vai intensificando e complicando a medida que avanzan na súa vida profesional. “As medidas e políticas eficaces en materia de igualdade, xénero e conciliación son inexistentes, ao contrario do que ditan as disposicións estatais e europeas”, lamentan. Un exemplo desta realidade, tal e como denunciou Investigal – Rede Galega pola Investigación, é a discriminación que sofren as investigadoras galegas nas convocatorias de I+D+i que dependen da Xunta de Galicia, onde non se contemplan presupostos de interrupción por embarazo, FIV ou adopción, nin se adecúan as avaliacións científicas subseguintes a este tipo de situacións [1]. “Este sistema de opresións dá lugar tamén a que conforme avanzamos na carreira investigadora a porcentaxe de mulleres sexa menor. Por exemplo, na USC, máis do 60% do alumnado son mulleres, pero o número de mulleres titulares é inferior ao 50% e o de catedráticas non chega ao 25%”, engaden.

“A destrución do tecido investigador supuxo a emigración forzosa de mozas e mozos do noso país. Isto non só implica que estas persoas se vexan obrigadas a deixar os seus fogares, senón tamén a perda do investimento que como sociedade facemos pola formación da xente nova.” Datos do INE confirman que a pasividade na xestión de recursos humanos e fondos destinados a I+D+i por parte da Xunta é unha resposta contraria á adoptada por países da nosa contorna, como Portugal ou Francia, que incrementaron o número de persoal investigador contratado como mecanismo para saír da crise.

Evolución do número de investigadores por millón de habitantes entre o 2008 e o 2017 para Galicia, España, Francia, Portugal e a Unión Europea.

Ao desleixo dos poderes públicos súmaselle a realidade do persoal investigador, que “traballa nunha situación de absoluta precariedade”. Por exemplo, na Universidade de Vigo, no curso 2018-2019 oito de cada dez investigadoras predoutorais traballaron sen ningún tipo de remuneración económica nin contrato laboral para levar a cabo as labores de investigación. Unha das persoas do colectivo afirma que “para optar aos contratos financiados pola Xunta de Galicia, estamos obrigadas a traballar un ano enteiro sen ter ningún salario nin contrato”.



[1] Tal e como denunciou recentemente InvestiGal: https://investi.gal/2020/05/investigal-apoia-as-investigadoras-posdoutorais-que-reclaman-ante-a-xunta-o-seu-dereito-a-non-ser-penalizadas-pola-sua-maternidade/

Exención das taxas de matrícula para doutorandas FPU

As investigadoras predoutorais contratadas baixo un programa FPU teñen exención no pago das taxas de matrícula no doutoramento. Dende a AIC detectamos un erro na tramitación desta exención cando a investigadora defende a tese antes do 1 de xaneiro, nun curso académico no que aínda ten contrato, e por tanto dereito á exención.

Se a investigadora defende a tese (ou finaliza o contrato por outros motivos) antes do 1 de xaneiro, pero ten un contrato con finalización posterior a esta data, pode ser que a USC lle denegue a exención de taxas de matrícula no doutoramento. Despois de que un compañeiro da AIC afectado reclamase, comprobouse que esta denegación está inxustificada, conseguindo este a exención de matrícula que lle correspondía.

Dende a AIC pensamos que pode haber outra xente afectada, polo que se este é o teu caso e recibiches un correo denegándoche a exención, contacta o antes posible con doutoramento@usc.es para aclarar a situación, pois tes dereito á exención nese curso académico aínda que remates o contrato antes de tempo. Se precisas calquera tipo de consello tamén podes contactar connosco!

Convocatoria Asemblea 17 de xuño

Convocamos a derradeira asemblea deste curso académico 2019/20. Debido ao contexto que estamos a vivir na actualidade e para respectar todas as medidas sanitarias vixentes, a asemblea terá lugar de xeito telemático. A asemblea terá lugar o mércores 17 de xuño ás 20:00 (1ª convocatoria ás 19:30) e se realizará utilizando a plataforma Microsoft Teams. A orde do día será a seguinte:

  1. Aprobación da acta anterior.
  2. Resumo dos GdT.
  3. Valoración global pola COVID-19.
  4. Renovación da Xunta Directiva.
  5. Renovación da Coordinadora.
  6. Peche do curso académico 2019/20.
  7. Inicio do curso académico 2020/21.
  8. Varios e propostas.

As censadas tedes un mail co enlace de acceso, calquera persoa non socia con interese en participar pode poñerse en contacto coa AIC para que llo poidamos facilitar.