Arquivo da categoría: Novas

Na defensa dunha investigación ao servizo do ben común

Na Asemblea de Investigadoras de Compostela defendemos unha investigación ao servizo do ben común, da xustiza social e da paz. Por iso, opoñémonos á participación da universidade en proxectos con fins militares ou vinculados á industria da defensa, así como á súa promoción desde os órganos institucionais.

Neste sentido, rexeitamos a difusión e fomento de convocatorias coma a que foi enviada ao persoal investigador da USC o pasado 23 de abril, pola Vicerreitoría de Política Científica.

Esta convocatoria do Ministerio de Defensa tiña como finalidade explícita “impulsar a realización de actividades de fomento e difusión da cultura da defensa”, promovendo unha visión da defensa como garante da seguridade e do benestar nacional, e propoñendo que a sociedade “coñeza, valore e se identifique coas Forzas Armadas” e co seu “esforzo solidario”.

Na AIC temos outra visión do interese xeral. Mentres que o goberno do Estado prevé o aumento do gasto militar até o 3% do PIB, o investimento en I+D a nivel estatal foi do 1,49% no 2023 (do cal o investimento público foi apenas un 0,65%), sendo o obxectivo para 2027 do 2,12%, que mesmo así segue por debaixo do militar. É preocupante ver como o financiamento público se orienta cara a fins militares.

Ademais, a USC recolle nos seus Estatutos que a universidade potenciará unha educación “baseada nos principios democráticos, a defensa da paz e dos dereitos humanos” (art. 4.1.a), así como que “non colaborará no desenvolvemento de proxectos con fins armamentísticos ou bélicos” (art. 4.9).

Con este espírito, a AIC impulsou unha proposta que foi aprobada polo Claustro da USC o pasado 15 de maio, co seguinte contido:

  1. O Claustro da USC manifesta o seu rexeitamento á participación da universidade en proxectos de investigación con fins militares ou vinculados á industria armamentística, independentemente da súa orixe (europea, estatal ou doutros organismos).
  2. Instamos aos órganos de goberno da USC a establecer mecanismos que garantan a orientación ética, civil e socialmente responsable da actividade investigadora da universidade, con criterios de transparencia e coherencia cos seus principios estatutarios.
  3. Instamos aos órganos de goberno da USC a non difundir convocatorias con fins militares ou armamentísticos.

Porén, só catro días despois da aprobación deste acordo, o 19 de maio, foi de novo difundido institucionalmente o programa de financiamento Horizon Europe Work Programme 2025 – Cluster 3: Civil Security for Society. A pesar de que se presenta como un programa de seguridade civil, inclúe epígrafes que requiren da participación de corpos policiais e outras axencias de seguridade, promoven tecnoloxías de uso dual (civil e militar), establecen sinerxías explícitas co European Defence Fund (un fondo especificamente militar) e contempla proxectos clasificados como “security-sensitive topics”, vinculados a intereses estratéxicos ou militares.

Consideramos que esta nova difusión contravén o acordo adoptado polo Claustro e instamos aos órganos de goberno da USC a que garantan o seu cumprimento efectivo.

Desde a AIC queremos máis financiamento para a investigación, a formación e a cultura, e menos para o belicismo, o militarismo e a desmemoria.

O claustro aproba as propostas da AIC!

Onte, 4 de decembro, tivo lugar unha nova reunión ordinaria do Claustro da USC na Facultade de Dereito. A través desta entrada queremos informar dos avances acadados gracias ao traballo e á loita de todas as que formamos parte da Asemblea. En primeiro lugar, foron aprobadas—directamente, ou a través de acordos—as seguintes emendas para as Liñas Xerais do Orzamento da USC en 2024:

  • Sobre o aloxamento para a Comunidade Universitaria. A Universidade está desenvolvendo un protocolo para habilitar residencias privadas, que deben cumplir cunhas condicións mínimas para poder ser consideradas como tal. Neste claustro, logrouse incluir que a entidade privada debe ofertar un mínimo dun 25% das prazas cunhas condicións e custos exactamente iguais aos do Servizo Universitario de Residencias da USC. 
  • Sobre os prezos nas cafeterías universitarias. Por acordo da AIC e o Consello de Estudantado coa Xerencia, o Claustro acordou aumentar o sistema de prezos diferenciado para estudantado, PDI/PTXAS e persoas alleas á Universidade, tamén para pratos únicos e menús de almorzo. O ano pasado conseguimos implementar este sistema para o menú completo, e este ano ampliamos a reducción aos prezos dos menús de almorzo e xantar dun prato para as e os membros da comunidade universitaria. Ademais, tamén incluimos que se debe garantir a calidade alimentaria nas mesmas e incluir menús veganos, vexetarianos e aptos para persoas con intolerancias.
  • Sobre as convocatorias de contratos predoutorais e de iniciación propios da USC. A Universidade manterá a convocatoria de contratos predoutorais convocando un mínimo de 8. Así mesmo, tamén se convocarán contratos de iniciación á investigación. 
  • Igualar as condicións da formación para o PDI en relación ao PTXAS. O PTXAS dispón de formación gratuita no Centro de Linguas Modernas da Universidade (CLM) e da Escola Galega de Adminsitración Pública (EGAP). No claustro de onte conseguimos que o PDI poda acceder a esta formación de forma gratuita, en igualdade de condicións co PTXAS. 
  • Sobre a continuidade da AIC e outras asociacións. Na actualidade só existe un rexistro de asociacións de estudantes na USC. Conseguimos o compromiso de crear un rexistro para todo tipo de asociacións universitarias, garantindo ademais o financiamento das asociacións que contribúan á dinamización da universidade.
  • Sobre a situación en Palestina e no Líbano. Na actualidade a USC oferta axudas para estudantado de Ucraína e Palestina. Conseguimos incluir unha cota específica para estudantes do Líbano, ademais do compromiso de explorar ca UNRWA colaboracións adicionais. 
  • Salario das investigadoras predoutorais. Conseguimos que a USC se comprometa a adoptar a mesma estratexia de planificación salarial para as investigadoras predoutorais con contrato que o Ministerio está realizando coas súas convocatorias. É dicir, os contratos predoutorais do 2024 recibirán en 3º ano de contrato unha retribución igual á de 4º ano. En 2025, as novas contratacións predoutorais recibirán tanto en 2º como en 3º ano de contrato un salario igual ao de 4º ano. Finalmente, en 2026 as persoas que asinen un contrato predoutoral recibirán un salario igual ao de 4º ano durante toda a duración do contrato.
  • Por último, racionalización de recursos e creación dun rexistro de material informático dispoñible. A USC comprométese a mellorar a xestión do equipamento informático, maximizando o seu ciclo de vida. Básicamente crearase un rexistro de material informático dispoñible para que equipos que funcionan poidan ser utilizados noutros centros e facultades, mellorando o acceso sobre todo ao persoal máis precario, como as investigadoras predoutorais sen contrato.  crear un rexistro de material informático.

En segundo lugar, baixo o impulso da AIC, foi aprobado o cese de actividade da Universidade en X (Anterior Twitter).

Debemos ser conscientes de que os logros acadados non son froito do acordo puntual nos órganos de goberno da Universidade: Detrás de cada emenda e proposta que se aproba, está o traballo diario de todas as persoas que facemos parte da Asemblea. Cantas máis nos animemos a axudar, maiores éxitos lograremos no futuro.

Seguimos!

Asinadas as prórrogas dos contratos predoutorais propios da USC de 2022

En 2022 a AIC conseguiu que a USC recuperara os contratos predoutorais propios.

O 1 de agosto dese mesmo ano comezaban estes contratos cunha duración inicial de 2 anos e despois dun longo proceso non falto de problemáticas, tanto nos prazos da resolución como no baremo empregado.

Estes días, froito da insistencia da Asemblea, as persoas beneficiarias asinaron as prórrogas para o terceiro ano destes contratos como prevía a convocatoria.

Desde a AIC seguimos traballando para facer medrar o número de contratos, mellorar as condicións das investigadoras predoutorais e lograr unha carreira investigadora digna.

Neste sentido, xa pedimos as explicacións do atraso da convocatoria das axudas predoutorais propias deste 2024 que conseguíramos incluír como emenda ós orzamentos no claustro de decembro de 2023 xunto con outras reivindicacións e agardamos ter máis información proximamente.

O noso obxectivo, ningunha traballadora sen contrato!

🏆 Vitoria! As predoutorais con prórroga COVID deben cobrar o salario de 4º ano (1.879€ máis)

Boas novas! A xustiza dános a razón! A USC é condenada a aboar 1.879,92 euros brutos a dúas investigadoras que iniciaron o 4º ano de contrato predoutoral grazas á prórroga COVID-19 da Xunta de Galicia.

👉 Aquelas persoas que gozaran da prórroga (convocatorias 2016, 2017, 2018 e 2019) e remataran contrato 1 ano para atrás están aínda a tempo de reclamalos

Un pouquiño de contexto para as despistadas. No ano 2020 debido á pandemia da COVID-19, a Xunta de Galicia prorrogaba por 6 meses as axudas predoutorais que lle outorga ás universidades e institucións de investigación de Galicia para contratar persoal investigador predoutoral.

Debido á prórroga de 6 meses, os contratos dese persoal (convocatorias 2016, 2017, 2018 e 2019) poderían chegar a superar os 3 anos de contrato predoutoral. Tal e como establece o EPIPF, o salario mínimo que unha predoutoral ten que cobrar en 4º ano (durante a prórroga) é superior ao de 3º, actualmente 4.869,76€ máis.

Esta asociación reunírase coa Xerencia da USC a cal nos comunicara que seguindo a súa estratexia habitual non ía cumprir co salario de 4º e seguiría aboando o de 3º a non ser que unha sentenza xudicial os obrigara.

Dende a AIC organizamos un grupo de traballo temporal, facilitamos modelos e procedemento para reclamar estas cantidades á USC. Dous anos despois (pois a xustiza é lenta en Compostela) a xustiza dános a razón. A USC é condenada a aboar 1.879,92 euros ás dúas investigadores predoutorais que reclamaron o seu dereito de salario mínimo por Real Decreto.

Anexamos a sentenza por se é aínda de utilidade para algunha das afectadas e se anima a reclamar o seu dereito.

Queremos agradecer unha vez máis ás persoas valentes que loitan polos dereitos de todas e que nos comparten as súas sentenzas. Grazas por abrirnos camiño ás que vimos detrás.