Todolos artigos de: Asemblea de Investigadoras de Compostela

En busca dunha nova asociación que defenda a investigación galega de maneira plural e transversal

Queremos informarvos que dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela, xunto co Colectivo Posdoutoral de Galicia e o PLAGTIS, impulsamos o proceso de asembleas para traballar na organización e consolidación dunha nova asociación que defenda a investigación galega de maneira plural e transversal; e que se erixa como interlocutor forte que representaría a toda a comunidade investigadora do país fronte á Xunta de Galicia e ás institucións oportunas.

Na AIC seguiremos coa nosa axenda na Universidade de Santiago de Compostela e continuaremos traballando nas diferentes frontes abertas que temos e teremos no futuro, pero estamos nunha situación crítica, que precisa dunha apertura de miras e de toda a forza e solidariedade da que poidamos ser capaces.

A primeira destas asembleas será este mércores 15 de xaneiro no CICA da UDC (A Coruña) ás 17h00. Se investigas ou queres investigar en A Coruña, ou estás interesado na creación dun colectivo destas características, animámoste a asistir!

Próximamente noutros campus e centros de investigación!

#PorUnhaCarreiraInvestigadoraDigna
#EspazoGalegoUnitario
#Éomomento

A USC condenada a aboar o complemento por antigüidade (trienios) a unha investigadora predoutoral

Xulgados de Santiago de Compostela, Fontiñas. Fonte: Google Maps

O Xulgado do Social de Santiago de Compostela vén de estimar a demanda presentada por unha compañeira investigadora e que foi contratada con financiamento das axudas para contratos predoutorais para a formación de doutores (antigas FPI). A investigadora demandou á universidade por negarlle o recoñecemento ao seu primeiro complemento de antigüidade (trienio) contrariamente ao recollido no II Convenio Colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades galegas. A xuíza condena a USC a aboar a cantidade de 646,04€ (máis intereses por demora) en concepto de antigüidade devindicada.

A sentenza xa é firme e abre as portas a que máis investigadoras sigan o seu exemplo.

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela queremos agradecer unha vez máis ás persoas valentes que loitan polos dereitos de todas. Grazas por abrirnos camiño ás que vimos detrás.

A sentenza está dispoñible na sección de sentenzas e laudos da USC.

A USC condenada a indemnizar a unha investigadora predoutoral

Xulgados de Santiago de Compostela, Fontiñas. Fonte: Google Maps

O Xulgado do Social de Santiago de Compostela vén de estimar a demanda presentada por unha compañeira investigadora e que fora contratada con financiamento das axudas predoutorais FPU. A investigadora demandou á universidade por non aboarlle a indemnización por extinción de contrato. A xuíza condena á USC a aboar unha indemnización correspondente a 11 días por ano traballado ao tratarse dun contrato anterior a 2015. A sentenza é firme e non admite recurso.

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela queremos agradecer unha vez máis ás persoas valentes que loitan polos dereitos de todas. Sen elas estas boas novas non serían posibles.

A sentenza está dispoñible aquí.

Proxección do documental «Tódalas mulleres que coñezo»

Temos o pracer de contarvos que o vindeiro luns 25N, co gallo do día contra as violencias machistas, proxectaremos ás 17.00 h. no Salón de Actos da Facultade de Filosofía o documental «Tódalas mulleres que coñezo» (2018), dirixido por Xiana do Teixeiro.

Contamos coa gran sorte de que ese día nos acompañen a directora e unha das protagonistas do filme, Beatriz Rodríguez, quen é ademais investigadora. Tras o documental teceremos unha conversa con elas sobre violencias e universidade, na que todo o mundo está convidado a participar. Unha vez rematada a actividade, iremos xuntas á concentración na praza 8 de marzo. Agardámosvos!

Convocatoria Asemblea 12 de novembro

Convocamos a primeira asemblea deste curso académico 2019/2020 da Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), que terá lugar o martes 12 de novembro ás 20:00 na aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia. A orde do día será a seguinte:

  1. Aprobación da acta anterior.
  2. Presentación da AIC e informes de coordinación.
  3. Problemáticas do persoal predoutoral.
  4. Problemáticas do persoal posdoutoral.
  5. Problemáticas do persoal doutras categorías.
  6. Campaña dos Martes Negros.
  7. Situación da investigación en Galicia.
  8. Instauración da universidade privada no SUG.
  9. Situación actual e perspectivas do movemento estudantil na USC.
  10. Anuncio de actividade do GdT de Xénero: proxección do documental Tódalas mulleres que coñezo (2018) e coloquio posterior sobre feminismo e universidade coa directora e unha das súas protagonistas.
  11. Rogos e preguntas.