A USC condenada a aboar o complemento por antigüidade (trienios) a unha investigadora predoutoral

Xulgados de Santiago de Compostela, Fontiñas. Fonte: Google Maps

O Xulgado do Social de Santiago de Compostela vén de estimar a demanda presentada por unha compañeira investigadora e que foi contratada con financiamento das axudas para contratos predoutorais para a formación de doutores (antigas FPI). A investigadora demandou á universidade por negarlle o recoñecemento ao seu primeiro complemento de antigüidade (trienio) contrariamente ao recollido no II Convenio Colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades galegas. A xuíza condena a USC a aboar a cantidade de 646,04€ (máis intereses por demora) en concepto de antigüidade devindicada.

A sentenza xa é firme e abre as portas a que máis investigadoras sigan o seu exemplo.

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela queremos agradecer unha vez máis ás persoas valentes que loitan polos dereitos de todas. Grazas por abrirnos camiño ás que vimos detrás.

A sentenza está dispoñible na sección de sentenzas e laudos da USC.

A USC condenada a indemnizar a unha investigadora predoutoral

Xulgados de Santiago de Compostela, Fontiñas. Fonte: Google Maps

O Xulgado do Social de Santiago de Compostela vén de estimar a demanda presentada por unha compañeira investigadora e que fora contratada con financiamento das axudas predoutorais FPU. A investigadora demandou á universidade por non aboarlle a indemnización por extinción de contrato. A xuíza condena á USC a aboar unha indemnización correspondente a 11 días por ano traballado ao tratarse dun contrato anterior a 2015. A sentenza é firme e non admite recurso.

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela queremos agradecer unha vez máis ás persoas valentes que loitan polos dereitos de todas. Sen elas estas boas novas non serían posibles.

A sentenza está dispoñible aquí.

Proxección do documental «Tódalas mulleres que coñezo»

Temos o pracer de contarvos que o vindeiro luns 25N, co gallo do día contra as violencias machistas, proxectaremos ás 17.00 h. no Salón de Actos da Facultade de Filosofía o documental «Tódalas mulleres que coñezo» (2018), dirixido por Xiana do Teixeiro.

Contamos coa gran sorte de que ese día nos acompañen a directora e unha das protagonistas do filme, Beatriz Rodríguez, quen é ademais investigadora. Tras o documental teceremos unha conversa con elas sobre violencias e universidade, na que todo o mundo está convidado a participar. Unha vez rematada a actividade, iremos xuntas á concentración na praza 8 de marzo. Agardámosvos!

Convocatoria Asemblea 12 de novembro

Convocamos a primeira asemblea deste curso académico 2019/2020 da Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), que terá lugar o martes 12 de novembro ás 20:00 na aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia. A orde do día será a seguinte:

  1. Aprobación da acta anterior.
  2. Presentación da AIC e informes de coordinación.
  3. Problemáticas do persoal predoutoral.
  4. Problemáticas do persoal posdoutoral.
  5. Problemáticas do persoal doutras categorías.
  6. Campaña dos Martes Negros.
  7. Situación da investigación en Galicia.
  8. Instauración da universidade privada no SUG.
  9. Situación actual e perspectivas do movemento estudantil na USC.
  10. Anuncio de actividade do GdT de Xénero: proxección do documental Tódalas mulleres que coñezo (2018) e coloquio posterior sobre feminismo e universidade coa directora e unha das súas protagonistas.
  11. Rogos e preguntas.

Mesa redonda: A realidade da carreira investigadora en Galicia

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela queremos convidarvos a asistir á mesa redonda “A realidade da carreira investigadora en Galicia” que se celebrará o vindeiro martes 15 de outubro ás 18:00, no Theatre Room do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Nela, tanto membros da AIC coma do Colectivo de Investigadoras/es Posdoutorais de Galicia debatiremos sobre as experiencias e problemáticas da carreira investigadora en Galicia.

Tanto se queres iniciarte no mundo investigador, coma se xa formas parte del, consideramos que é unha boa oportunidade para informarte de como está a situación actual ou compartir o teu punto de vista.