Todolos artigos de: Asemblea de Investigadoras de Compostela

Convocatoria Asemblea Extraordinaria 7 de xullo

Convocamos a próxima asemblea extraordinaria, e derradeira deste curso académico. Como as restricións xa o volven permitir, alegrámonos de comunicarvos que esta asemblea se vai celebrar de xeito presencial. De todas formas, para facilitar o acceso ás persoas que non estean por Compostela, esta asemblea será retransmitida tamén de xeito telemático.

A asemblea terá lugar o próximo mércores 7 de xullo de 2021, ás 19:00 (a 1ª convocatoria é ás 18:30) na Facultade de Historia (enderezo á retransmisión por Microsoft Teams). A orde do día será a seguinte:

  1. Aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Informe da actividade recente.
    1. Convocatoria propia de contratos predoutorais.
    2. Indemnización por antigüidade (trienios).
    3. Manifestación contra a universidade privada.
    4. Outros asuntos en proceso.
  3. Renovación da Xunta Directiva.
  4. Renovación da Coordinadora.
  5. Propostas, rogos e preguntas.


Se algunha persoa non pode acudir e quere tratar algún tema ou que se comente alguna cuestión en concreto, non dubidedes en escribirnos. Moitas grazas de antemán!

Abanca ataca a dignidade da Universidade en Galicia

A constitución dunha universidade privada é un ataque a todo o pobo galego

A lei que dará lugar á primeira universidade privada de Galicia, baixo patrocinio de Abanca, comezou o seu trámite no Parlamento de Galicia o pasado 25 de maio. O proxecto desta universidade privada xorde cunha forte contestación. Por unha banda, esta entidade nace co informe negativo do Consello Económico e Social de Galicia. Por outra, a universidade privada de Abanca conta dende o principio coa oposición tanto das tres universidades públicas galegas como da amplísima maioría de organizacións sindicais e políticas

A universidade de Abanca non só supón unha ameaza puntual para o sistema universitario público galego, nin tampouco unha problemática que afecte só a aquelas persoas que estamos máis vinculadas coa Universidade. Máis alá, dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) entendemos que a creación da primeira universidade privada en Galicia trae consigo implicacións de gran importancia:

  1. A privatización da universidade é un problema de toda a sociedade galega. A universidade privada non formará persoas en función do seu interese e capacidade para aprender, senón en función dun maior rendemento económico e das necesidades de empregabilidade do mercado laboral. A posibilidade de acceder aos estudos ofertados por esta universidade privada estará fortemente condicionada polo poder adquisitivo, excluíndo presumiblemente ás capas máis humildes da sociedade galega. Nunha sociedade moderna e democrática, o ensino universitario debe ser patrimonio universal e servir ao conxunto da sociedade, non estar comandada polo interese económico.

    A universidade pública outorga dignidade aos pobos, permitindo que todos os cidadáns poidan adquirir os coñecementos necesarios para tomar as rendas do seu futuro. O intento por privatizar o sistema universitario constitúe un ataque ás nosas posibilidades para o pleno exercicio da cidadanía.
  2. A universidade privada non pode ser entendida como un mero fenómeno meteorolóxico ou puntual. Máis ben ao contrario, constitúe o corolario de décadas de mercantilización da universidade en Galicia. Esta mercantilización vese claramente reflectida no desmantelamento daquelas titulacións e liñas de investigación que non son directamente aplicables en termos económicos e a substitución da “transmisión do coñecemento científico en base a criterios académicos” pola “preparación para o mercado laboral”. Este proceso sentou as bases para que hoxe falemos da creación da primeira universidade privada en Galicia. Ao fin e ao cabo, se do que se trata é de ensinar “destrezas, habilidades e competencias” relacionadas coas necesidades dos mercados, quen mellor que unha empresa privada para facelo? O vindeiro Plan Galego de Financiamento Universitario podería rematar de consolidar esta dinámica.
  3. A constitución dunha universidade privada supón un ataque máis á democracia dentro dos estudos superiores. Desde a perspectiva dos eidos de coñecemento a investigar e difundir, unha parte do sistema universitario galego ficará sometido a unha absoluta ditadura da necesidade exercida por parte dos intereses empresariais que xestionarán esta nova universidade. Ao condicionamento que neste sentido xa sofren as universidades públicas uniráselle agora o mando directo de Abanca, marxinando disciplinas do saber de altísimo valor polo mero feito de non seren economicamente rendibles. Ademais, parte do sistema universitario de Galicia ficará baixo o goberno directo de entidades privadas, reducindo aínda máis a liberdade no goberno do mesmo. A xestión participada e democrática, xa limitada nas universidades públicas, resulta imposible nesta nova entidade desde o momento en que depende do financiamento privado.

Ante esta situación, desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela reivindicamos:

  1. A inmediata retirada do Anteproxecto de Lei de recoñecemento da universidade privada “Universidad Intercontinental de la Empresa”, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia
  2. A aceleración dos trámites necesarios para a aprobación das reformas legais necesarias a nivel estatal que garanticen que a constitución de novas universidades responda a unha necesidade social e cumpra cunhas condicións de calidade mínimas.
  3. A conformación dunha fronte ampla, que inclúa aos traballadores e traballadoras das universidades públicas galegas, aos gobernos das tres universidades e a organizacións sociais para defender o Sistema Universitario Galego durante a negociación do vindeiro Plan Galego de Financiamento Universitario. 

A educación pública é un dereito que a sociedade conseguiu tras séculos de loita e que leva décadas defendendo unida fronte ás ameazas da privatización. O coñecemento non é un negocio. O acceso aos estudos universitarios non debe ser un luxo nin un capricho. A universidade non pode ter alma de empresa. Por iso, desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), chamamos a loitar unha vez máis por unha Universidade digna no camiño dunha sociedade moderna e democrática. Este sábado 12 de xuño estaremos na manifestación na Alameda de Santiago de Compostela amosando o noso descontento.

Convocatoria Asemblea 1 de xuño

Convocamos a próxima asemblea ordinaria da AIC. Debido á situación que estamos a vivir, e para facilitar o acceso ás persoas que non estean por Compostela, esta asemblea terá lugar de xeito telemático. A asemblea terá lugar o martes 1 de xuño de 2021 ás 20:00 (1ª convocatoria ás 19:30) e se realizará utilizando a plataforma Microsoft Teams. A orde do día será a seguinte:

  1. Aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Breve actualización da actividade de cada GdT e informe da Secretaría da asemblea.
  3. Reflexión e valoración do estado da campaña: #PorUnhaIvestigaciónDemocrática 
  4. A Universidade Privada.
  5. Propostas, rogos e preguntas.

Animádevos a vir e así compartir este espazo todas as compañeiras de AIC xuntas, para poder coñecernos e falar dos temas nos que xa se está a traballar e tamén de novas ideas e problemáticas que estean a pasar.  

Se algunha persoa non pode acudir e quere tratar algún tema ou que se comente alguna cuestión en concreto, non dubidedes en escribirnos. Moitas grazas de antemán!

A Asemblea de Investigadoras de Compostela asume o reto de presentarse ás eleccións da USC

Os colectivos máis precarizados da universidade concorren ás eleccións da USC nunha fronte común para democratizar a investigación

  • Unha institución con vontade de resolución de problemas sociais mediante a ciencia excelente ten que garantir os dereitos laborais das súas investigadoras.
  • Na actualidade só unha de cada cinco investigadoras predoutorais ve remunerado o seu traballo na USC.
  • Na USC estase xestionando a actividade investigadora en detrimento da maioría das investigadoras e do propio coñecemento.

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) concorre ás eleccións da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para rematar coa falta de democracia na investigación. Esta eiva democrática maniféstase en diferentes eixos: primeiro, na non democratización do “que” se investiga, en tanto que se atopa subxugado a intereses mercantís. Segundo, na non democratización do “quen“, en tanto que o acceso á investigación está condicionado por cuestións materiais e de xénero. Terceiro, na non democratización do “como” se goberna a investigación, en tanto que a democracia non pasa dun plano formal, estando lonxe dunha democracia real.

Traballo non remunerado, horas extra non recoñecidas, contratos intermitentes, carencia de materiais e medios para realizar a súa actividade, penalización nas convocatorias públicas polos permisos de maternidade… Estes son algúns dos exemplos da precariedade que padecen as traballadoras no seu día a día na carreira investigadora.

Para facer fronte a estas e outras inxustizas, naceu en 2017 a Asemblea de Investigadoras de Compostela. A AIC é un espazo de encontro e debate sobre as diferentes problemáticas que afectan ao colectivo investigador da USC. Ten como obxectivo principal defender e loitar polos dereitos e aspiracións dunha carreira profesional digna das investigadoras (persoal investigador, técnico e de xestión) exista ou non un vínculo laboral e/ou remuneración. Diante da convocatoria electoral a distintos órganos de goberno da USC a finais deste mes de abril, a AIC reivindica que unha institución con vocación á resolución de problemas sociais mediante a ciencia excelente ten que asegurar que o persoal das primeiras etapas da carreira investigadora teña garantidos os seus dereitos laborais e velar por asegurarlles unhas condicións de vida mínimas.

Na actualidade, de cada cinco investigadoras predoutorais na USC, só unha recibe remuneración polo seu traballo; e só unha de cada dez investigadoras predoutorais goza dun contrato de máis de tres anos de duración. A maioría de investigadoras, tanto predoutorais como posdoutorais, levan a cabo a súa actividade encadeando contratos temporais precarios con períodos de actividade non remunerada, ou con traballos noutros sectores, para poder custear a súa investigación. A inestabilidade laboral acentúase no caso das profesionais que traballan en temas que non son obxecto dunha mercantilización lucrativa a curto prazo. Á xa precaria situación do colectivo, hai que engadir a discriminación por cuestión de xénero que padecen as investigadoras na súa carreira. 

Dende as institucións e os organismos públicos non se está a gobernar a investigación para arranxar esta situación, senón todo o contrario: estase xestionando a actividade investigadora en detrimento da maioría das investigadoras e do propio coñecemento. Son precisamente aqueles sectores máis favorecidos polo interese do mercado os que ostentan as principais posicións de poder dentro da universidade, restrinxindo as posibilidades dunha ciencia independente. Ademais, non existe unha vontade por parte da universidade de defender, perante os poderes públicos, a necesidade de atender as propostas destes colectivos no tocante ás distintas convocatorias de axudas, estatutos ou leis que afectan ao colectivo investigador.

Dende a súa orixe, a AIC acadou importantes vitorias na defensa dunha carreira investigadora estable, digna e previsible. Agora, denuncia as carencias democráticas do actual sistema de investigación e concorre ás eleccións na USC para continuar mellorando as cousas baixo o lema #PorUnhaInvestigaciónDemocrática

Como gobernamos a investigación?

Democratizar a investigación pasa, sen lugar a dúbidas, por mellorar as ferramentas das que dispoñemos as persoas que investigamos para poder intervir na dirección da política científica das institucións ás que pertencemos. A Universidade de Santiago de Compostela presenta severos déficits democráticos que transcenden con moito ao persoal investigador. Os sectores máis precarios da universidade son tamén os máis precariamente representados nos órganos de goberno da USC. A falta de democracia material aparece sempre asociada á falta de democracia no plano formal. Somos conscientes de que, nun sistema de goberno estamental como o que rexe na nosa universidade, a existencia de contrapesos institucionais resulta clave para evitar que, en situacións de crise, sexan sempre os mesmos colectivos os que asuman os maiores custos

O persoal investigador que está nas primeiras etapas da súa carreira, sexa pre- ou posdoutoral, arrastra as consecuencias dun deficiente encadramento dentro das estruturas de goberno da USC. A nosa división entre os sectores II (restantes categorías de PDI) e III (estudantado) no Claustro Universitario dificulta tremendamente a nosa presencia nos principais órganos da universidade, nomeadamente no Consello de Goberno e no Consello Social. A isto cabe sumar a ausencia case absoluta de espazos para o diálogo entre o equipo de goberno e as asociacións de investigadoras. Estas eivas na nosa representación minan sistematicamente a nosa capacidade para participar da política universitaria. Ademais, o escaso peso que o persoal investigador ten dentro da estrutura da USC leva a que, en caso de dúbida, as nosas necesidades máis básicas sexan desatendidas en favor doutros estamentos que gozan dunha posición máis acomodada. 

É por iso que desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela apostamos por democratizar o papel que a investigación de base ten nas estruturas da USC, esixindo:

  1. A inclusión do conxunto do persoal investigador predoutoral no sector II, aumentando en consecuencia o seu peso no Claustro Universitario.
  2. Establecer mecanismos que faciliten a presencia de cando menos un representante deste persoal investigador dentro do Consello de Goberno.
  3. A conformación dunha mesa de diálogo entre as asociacións de investigadoras con representación no Claustro e no Consello de Dirección da EDIUS e o equipo de goberno da USC; desempeñando esta sempre un papel complementario respecto das diferentes mesas de negociación sindical. 

Desde a AIC entendemos que a representación institucional é apenas unha parte do proceso democrático. A plena democratización da vida universitaria, no referido ás investigadoras e a todos os sectores que conformamos esta comunidade, só pode vir da man dos procesos de participación. É por iso que a nosa loita se estende máis alá do plano institucional. En cada mobilización, cada vez que nos axudamos entre todas para mellorar as nosas condicións de vida e en cada batalla contra a precariedade; construímos a verdadeira democracia.