Todolos artigos de: Asemblea de Investigadoras de Compostela

II Xornadas de Cultura Laboral en Investigación

Dende a AIC temos o gusto de convidarvos á II edición das Xornadas Cultura Laboral en Investigación, unhas xornadas sobre dereitos laborais ideada pola plataforma estatal Marea Roja por la Investigación que se celebrarán de novo en 3 sedes: Santiago de Compostela, Valencia e Madrid.

As xornadas en Compostela terán lugar o martes 7 e mércores 8 de novembro e están co-organizadas pola AIC e InvestiGal. Este ano a única modalidade de asistencia é a presencial.

Para inscribirse existen 2 opcións:

  1. As investigadoras predoutorais poderán facelo a través da Secretaría Virtual e terá consideración de curso oficial da EDIUS (10h).
  2. O resto de público deberán facelo a través desta ligazón.

Apresurádevos a inscribirvos xa que o número de prazas totais está limitado a 100 persoas pola capacidade da sala e o ano pasado esgotáronse axiña.

Agardamos que vos guste o programa que preparamos!

A USC incluirá no cómputo dos trienios os períodos relativos a vacacións non desfrutadas.

Un dereito básico de toda persoa traballadora é o de desfrutar de vacacións segundo o disposto na lexislación e normativas aplicables. No caso de que o contrato remate e a persoa traballadora non puidera desfrutar de todas as vacacións que lle correspondían, esta ten dereito a un período adicional de cotización na Seguridade Social. Este período é en concepto de “vacacións non desfrutadas” e implica todos os dereitos imaxinables dunha cotización estándar na Seguridade Social, ademais do pago do salario relativo a eses días.

En consecuencia, e ao igual que no caso das vacacións ordinarias, semella lóxico que este período tamén compute a efectos de antigüidade para solicitar trienios. Certamente, estamos a falar dun período que en condicións normais debería de ter formado parte do contrato da persoa traballadora (de feito, como parte das súas vacacións). A lectura da AIC é que negar que as vacacións non desfrutadas computen para trienios equivale a negar que os meses de vacacións dunha persoa traballadora non sumen antigüidade.

A pesar de todo isto, a USC non recoñecía este tempo de vacacións non desfrutadas como un período válido para incluílo no cómputo de trienios. Esta postura, ademais de ilóxica, resultaba tremendamente difícil de explicar, pois existía sentada xurisprudencia a este respecto e a favor das persoas traballadoras. Por exemplo, no caso do ensino secundario a cuestión foi xa dirimida e resolta no ano 2017 como pode verse aquí.

Tras un ano de reclamacións de varias persoas da USC, entre elas un compañeiro da AIC, a propia USC acaba de confirmarnos que rectificará a súa postura. Tristemente, esta rectificación non provén dun diálogo ou acordo, senón do resultado dun novo litixio. Neste sentido, queremos agradecer á persoa que demandou esta cuestión a súa perseveranza para a consecución deste dereito ante a negativa inicial da USC. Tamén queremos condenar a actitude da USC, que parece amosar, novamente, que a vía xudicial é a única linguaxe que entende para a consecución de dereitos obvios e xa logrados noutras administracións.

Finalmente, a USC recoñece, tamén, que en canto a sentenza sexa firme e se proceda á súa execución xudicial (ao abeiro da resolución reitoral elaborada a tal efecto) serán recoñecidos os períodos de vacacións non desfrutadas alegados polas persoas reclamantes. É entón importante que, no caso do resto das persoas que teñan períodos de vacacións non desfrutadas, estas as fagan constar nunha nova solicitude de trienios. No caso de que este período tivese lugar nunha entidade distinta da USC, será necesario acreditar a circunstancia dalgún modo, por exemplo, a partir do certificado da vida laboral que se pode obter da web da Seguridade Social que indica sempre tal situación.

O Novo Pacto pola Ciencia

Dende a AIC apoiamos o Novo Pacto pola Ciencia coordinado polo colectivo “Coordinadora Marea Roja por la Investigación” da cal a AIC forma parte. Este pacto estatal, subscrito por máis de 40 asociacións e apoiado por multitude de partidos políticos, busca mellorar as condición da ciencia e das súas traballadoras a través de catro eixos fundamentais:

  • A creación dun Estatuto do Persoal Investigador (EPI).
  • Una redución e simplificación da burocracia existente.
  • Unha maior transparencia, integridade, diversidade e coimplicación no sistema da ciencia.
  • Un aumento substancial no financiamento para chegar ao 3% de investimento de I+D+i.

Para escenificar a sinatura do pacto por parte dos partidos políticos, produciuse un acto a pasada semana no Ateneo de Madrid con representación da devandita coordinadora e algunhas das asociacións que apoiaron o mesmo. Nese evento manifestaron o seu compromiso co texto a través da súa sinatura os partidos PSOE, PP, Sumar, Podemos, IU, Más Madrid, Más País, Compromís e Recortes Cero.

A maiores, o BNG tamén manifestara a súa intención de subscribir o pacto, mais por cuestións loxísticas non resultou posible a súa sinatura naquel intre en Madrid. Neste senso, o BNG ratificou esta semana o seu apoio ao pacto coa sinatura do mesmo nun pequeno acto que tivo lugar na Facultade de Matemáticas da USC.

O contido íntegro do pacto, xunto co nome das asociacións que o asinaron a data do 2 de xullo, pode lerse aquí.

Carta conxunta á Xunta da AIC, Investigal e as 3 universidades galegas

Dende a AIC e InvestiGal, co apoio das Vicerreitorías de Investigación das tres universidades galegas, acabamos de enviar unha carta á Secretaría Xeral de Universidades (SXU) e ao GAIN, para evitar que se esixa a matrícula de doutoramento para acceder á convocatoria de axudas predoutorais da Xunta de Galicia de 2023.

En reunións anteriores coa SXU expuxeran que nesta nova convocatoria se ía volver pedir que as persoas que solicitasen estas axudas estivesen matriculadas nun programa de doutoramento no momento da solicitude. Na convocatoria anterior, conseguírase eliminar este requisito tras moito traballo da AIC e InvestiGal. Como xa expuxemos anteriormente, esta obrigatoriedade é prexudicial para o colectivo investigador e trátase dun factor excluínte. Todos os anos, numerosas persoas vense obrigadas a aboar un ano de matrícula dun programa de doutoramento para poder solicitar estas axudas, por teren que cumprir este requisito de estar matriculadas no momento de presentación de solicitudes.
Esperamos que a Xunta entenda a importancia de dita petición e acepte modificar dito criterio.

Podedes consultar o texto completo da carta enviada á Xunta a continuación:

Alegacións ao Real Decreto de Acreditacións e Concursos

A AIC presenta alegacións ao Real Decreto de Acreditacións e Concursos, redactadas en conxunto con outras asociacións pertencentes a Marea Roja por la Investigación.

Algunhas das alegacións realizadas son as seguintes:

  • Acreditacións e concursos libres de taxas.
  • Calendario público e razonable de avaliacións.
  • Modernización da plataforma web para a acreditación.
  • Redución da carga docente do PDI membro das comisións ANECA/ACSUG.

Podes descargar o documento completo aquí.