Arquivo da categoría: Novas

Investigar é unha cuestión de xénero?

É habitual que o número de alumnas matriculadas en titulacións universitarias sexa maior que o de alumnos, mais conforme avanza a carreira académica o número de mulleres redúcese paulatinamente en relación co número dos seus compañeiros, ata chegar ao mínimo na figura de catedrática. Este fenómeno coñécese co nome de teito de cristal. Como pode verse na imaxe, na Universidade de Santiago de Compostela, menos do 25% das persoas que ocupan unha cátedra en 2015 eran mulleres.

Unha das causas máis relevantes do abandono da carreira investigadora por parte das mulleres é a ausencia de medidas que contemplen a conciliación entre a vida laboral e persoal. Por poñer un exemplo: actualmente, as investigadoras galegas seguen a ser discriminadas nas convocatorias de I+D+i que dependen da Xunta de Galicia, onde non se contemplan supostos de interrupción por embarazo, FIV ou adopción; nin se adecúan as avaliacións científicas subseguintes a este tipo de situacións.

A falta de medidas e políticas eficaces en materia de igualdade, xénero e conciliación; xunto coas discriminacións ás que se atopan sometidas por parte dos poderes públicos, dificultan o seu avance na carreira investigadora. Isto fai que, co tempo, moitas mulleres acaben por afastarse da investigación, producindo precisamente ese fenómeno de diminución da porcentaxe de mulleres nos estadios máis avanzados da traxectoria académica.

É por iso que desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela reivindicamos a democratización do acceso á investigación por cuestión de xénero e declaramos que:

  1. Ningunha investigadora debería ser penalizada tras un permiso de maternidade.
  2. A investigación e a maternidade non poden ser excluíntes.
  3. A investigación non é unha cuestión de xénero.

A UVigo condenada a aboar o complemento por antigüidade (trienios) a un investigador posdoutoral

Xulgados de Ourense, R. Velázquez. Fonte: Google Maps

Comezan a resolverse as demandas de recoñecemento e aboamento do complemento de antigüidade a investigadores pre- e posdoutorais a raíz da campaña que a Asemblea de Investigadoras de Compostela iniciou a comezos de 2020.

O Xulgado do Social de Ourense vén de estimar a demanda presentada por un compañeiro investigador da UVigo e que foi contratado con financiamento das axudas posdoutorais da Xunta. O investigador, seguindo a información da AIC, demandou á universidade por negarlle o recoñecemento ao seu primeiro complemento de antigüidade (trienio) contrariamente ao recollido no II Convenio Colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades galegas. A xuíza condena á UVigo a aboar a cantidade de 1.339,50 € máis un 10% de intereses por demora en concepto de antigüidade devindicada.

A sentenza é firme e súmase á da compañeira da USC.

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela queremos agradecer unha vez máis ás persoas valentes que loitan polos dereitos de todas. Grazas por abrirnos camiño ás que vimos detrás.

Tedes a sentenza dispoñible aquí.

Quen investiga?

Do mesmo xeito que a investigación actúa como alicerce da mellora das condicións vitais da sociedade, tamén se fundamenta e articula sobre contextos sociais e materiais ben determinados. Non hai avances sen medios de traballo axeitados (despachos, laboratorios, fondos bibliográficos ou ordenadores) nin, sobre todo e ante todo, traballadoras; é dicir, persoas con contratos dignos que poidan concentrarse no indispensable labor de investigar.

Polo anterior, cómpre garantir as condicións materiais para que poida desenvolverse a investigación. Falamos de garantir o traballo de investigación. Que o desenvolvemento dunha vacina non se interrompa porque o contrato temporal da investigadora que traballa no proxecto remate e non poida concorrer a ningún outro ata o ano seguinte. Falamos de defender unha carreira investigadora digna, planificada e estable.

Unha das grandes problemáticas da carreira investigadora é a precariedade das condicións e dereitos laborais no seu inicio. Na maior parte das situacións, obter financiamento dende o comezo da actividade investigadora resulta practicamente utópico. Por poñer un exemplo, os contratos predoutorais cofinanciados pola Xunta de Galicia, cuxas convocatorias carecen dun calendario fixo, esixen que se estea previamente matriculado nalgún dos programas de doutoramento do Sistema Universitario Galego. Este feito obriga á maior parte das persoas que comezan unha carreira investigadora en Galicia a saltar ao baleiro sen ningún tipo de garantía de financiamento futuro para continuaren co traballo realizado no seu primeiro ano de doutoramento; no que, probablemente, estiveran traballando de balde. Isto último débese a que, malia que existen outras convocatorias públicas, como as axudas para a Formación do Profesorado Universitario (FPU) ou as antigamente chamadas axudas para a Formación do Persoal Investigador (FPI), para optar a financiamento; a oferta non é suficiente para cubrir a demanda. A isto súmase a ausencia total e absoluta de convocatorias propias da USC ao longo dos pasados cursos académicos.

Así, no curso académico 2020/2021, o 78’3% das investigadoras predoutorais da USC non dispoñen de finianciamento para a realización do seu labor de investigación. A maioría de investigadoras, tanto predoutorais como posdoutorais, levan a cabo a súa actividade encadeando contratos temporais precarios con períodos de actividade non remunerada, ou con traballos noutros sectores, para poder custear a súa investigación.

É por todo isto que desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela apostamos por democratizar o acceso á investigación esixindo: 

  1. A remuneración de todo traballo de investigación.
  2. A eliminación do requisito de traballar un ano de balde para acceder á convocatoria das Axudas Predoutorais da Xunta de Galicia. 
  3. Contratos predoutorais propios da USC que cubran o déficit neste tipo de contratos de investigación.

Por Unha Investigación Democrática

É unha opinión xeneralizada que a investigación xoga un papel indispensable como impulsora do progreso das condicións e calidade de vida das persoas. Desde o desenvolvemento de novos tratamentos para doenzas, pasando pola investigación social e humanística; capaz de repensar a nosa realidade e propoñer melloras para o futuro, ata os avances técnicos que facilitan o noso día a día.

De cara a falar da investigación, é fundamental advertir que a actividade de investigar é indisociable do suxeito que a realiza (as investigadoras) e do obxecto (o que se investiga).

Desde a AIC entendemos que, en atención ao rol esencial da investigación para o ben común, esta non pode estar nas mans duns poucos, senón que cómpre democratizala. En consecuencia, debemos democratizar o “quen” investiga, combatendo especialmente as discriminacións por razón de xénero, e o “que” se investiga. Finalmente, para que a democracia sexa efectiva; é dicir, non se quede no formal e transcenda ao material, cómpre tamén democratizar o “como” gobernamos a investigación.

Con todo, a representación institucional é apenas unha parte do proceso democrático. A plena democratización da vida universitaria, no referido ás investigadoras e a todos os sectores que conformamos esta comunidade, só pode vir da man dos procesos de participación. É por iso que a nosa loita se estende máis aló do plano institucional. En cada mobilización, en cada vez que nos axudamos entre todas para mellorar as nosas condicións de vida, en cada batalla contra a precariedade e en cada sentenza xudicial na que recuperamos un dereito secuestrado, construímos a verdadeira democracia.

Por todo o anterior, debemos traballar todas xuntas #PorUnhaInvestigaciónDemocrática!

Contrato de traballo predoutoral USC

A AIC logra unha convocatoria predoutoral propia da USC

A AIC consegue incluir nas Liñas Xerais dos Orzamentos 2021 unha dotación orzamentaria para a contratación de investigadoras predoutorais.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou, con data 18 de marzo, o documento de Liñas Xerais dos Orzamentos 2021. Entre outras cuestións, o devandito escrito recolle, de modo xeral, os principais gastos a realizar pola institución previstos para esta anualidade.

A pesar de non figurar nun primeiro intre, o texto final inclúe dotación orzamentaria para a creación dun Programa piloto para a contratación de persoal investigador predoutoral da USC. Isto foi posible grazas a unha emenda presentada pola Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), a cal foi aprobada.

Dende AIC cremos que resulta obvia a necesidade urxente de tomar medidas coma o citado programa piloto. Segundo datos oficiais da propia universidade, na USC e no curso 20/21, pouco máis de 500 persoas se atopan realizando a tese con contrato, fronte a case 2000 que se atopan na situación contraria. É evidente que datos coma estes deberían ser obxecto de fonda reflexión e incitar á USC a apostar de xeito decidido pola investigación nos seus chanzos iniciais.

Dende AIC valoramos positivamente a aprobación da emenda presentada, mais esperamos que esta sexa, simplemente, a primeira medida de moitas para corrixir a situación de precariedade dos sectores da investigación da USC máis esquecidos ata o momento.